Aprobada a modificación do contrato do campo de fútbol de Ponte Sampaio por máis de 100.000 euros

6
  • A modificación vén determinada por imprevistos derivados da inestabilidade do terreo que obriga a realizar intervencións suplementarias

A Xunta de Goberno local aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe a modificación do contrato da obra do campo de fútbol de Ponte Sampaio. Trátase dun incremento de 116.353,04 euros, o que supón un 10% do orzamento inicial que ascendía a 1.163.536 euros. 

Esta modificación está motivada por novas necesidades que non se contemplaban no contrato inicial e que xorden en relación, principalmente, á inestabilidade do terreo na contorna do futuro edificio destinado a vestiarios. Esta circunstancia, que non existía ou non puido ser prevista no momento da redacción do proxecto, implica a necesidade de gañar terreo escavando na rocha aproximadamente uns catro metros cara ao interior da parcela, así como a construción dun novo pozo ante a insuficiencia do pozo de barrena existente. Ademais foi preciso realizar excavacións para estabilizar o edificio de vestiarios, o que conleva o tratamento dunha das fachadas de dito edificio (que no proxecto orixinal quedaba contra o terreo) cun sistema exterior de illamento térmico. Esta excavación tamén implica unha intervención para asegurar o muro que delimita coa parcela colindante. 

A modificación inclúe, ademais, un incremento da drenaxe e a colocación de capas de grava e unha lámina xeotextil non previstas para solucionar os problemas derivados dun terreo situado nunha antiga xunqueira e para evacuar o importante caudal de augas procedentes da ladeira contigua.

COMPARTIR