A Pontevedra Film Commission crea unha plataforma online para levar o talento audiovisual galego ás nosas casas durante este período de confinamento

559
  • O blog do departamento da Concellería de Promoción Económica conta xa co apartado ‘Vídeos na rede’, onde se compilan pezas de cinema, teatro, curtas, videoclips, spots ou documentais

Unha plataforma online posta en marcha pola Pontevedra Film Commission permitirá levar aos nosos fogares o talento audiovisual galego a través unha compilación de traballos, na que se inclúen obras de cinema, teatro, curtas, videoclips, spots, trailers, teasers e documentais. O blog do departamento da Concellería de Promoción Económica (https://concellopontevedra.wixsite.com/pontefilmcommission) conta dende hoxe co apartado ‘Vídeos na rede’, no que se están a colgar tanto as pezas rodadas no ‘plató’ da nosa cidade como outras cedidas por produtores, directores e realizadores para axudarnos a pasar este período de corentena.

A iniciativa partiu do coordinador da oficina pontevedresa, Miguel López, quen asegura que a Pontevedra Film Commission “segue a traballar aínda nestes días, porque o cinema non debe parar” e lembra que “seguramente nestas datas tan complicadas se están a realizar multitude de guións, finalizando proxectos, creando algúns novos…”. “Queremos que estas xornadas -sinala- sexan un pouco máis soportables para tod@s, así que decidimos ir subindo os traballos xa realizados. Estamos en contacto con profesionais do sector para que nos dean o seu consentimento e poder difundir estes traballos audiovisuais”.

Na plataforma xa se pode desfrutar de máis de 20 pezas, que veñen acompañadas da súa correspondente sinopse e de informacións como o ano de estrea, os galardóns recibidos e os nomes de produtoras, directores e actores. Entre estes traballos atópanse as curtametraxes ‘Idiotas’ (Hipotálamo Films), ‘Flores para Amalia’ (de Nani Matos), ‘Superpunky. El musical’ (Pablo Cacheda), ‘Wendyland is Dead’ (Noelia Toledano), ‘Lurna’ e ‘Dies Dei’ (ambas de Nani Matos); documentais como ‘Ser do Mercantil’, ‘Cerponzóns a Mil’ e ‘Maruja Mallo’; spots publicitarios da campaña ‘Clásicos Galegos’ (Rectoral de Amandi, Miudiño e Gran Alanís), e videoclips como ‘Se che din’, de Antilia, así como teasers e making of de obras como ‘Castelao. De chumbo a verba’.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, anima a todos aqueles que queiran sumarse a esta proposta cultural a poñerse en contacto co coordinador da oficina a través da páxina de Facebook da Pontevedra Film Commission ou da dirección de correo electrónico mlopez@pontevedra.eu, incluíndo un número de teléfono (o propio blog tamén conta cun formulario). A edil do PSOE subliña “a importancia que teñen iniciativas como esta para sobrelevar o confinamento cun tempo de lecer de calidade”, ao tempo que se poñen en valor algúns dos traballos que tiveron á nosa cidade como plató de cinema. “De feito -engade Blanco- un dos apartados chamarase ‘Rodado en Pontevedra’”.

Un nexo de unión para facilitar as gravacións no termo municipal

A Pontevedra Film Commission é un departamento cuxo obxectivo é o de facilitar aos profesionais do sector audiovisual e produtores as gravacións dentro do termo municipal. A oficina pública serve de nexo de unión para que os profesionais deste ámbito atopen na nosa cidade as localizacións máis axeitadas para as súas producións, promovendo as rodaxes sen ningún ánimo de lucro.

COMPARTIR