O aparcadoiro do campo de fútbol de Pasarón estrea un acceso de formigón dende Juan Bautista Andrade

58
  • Iván Puentes sinala que a senda, de 10 metros de longo, permitirá acceder e saír do estacionamento “sen ter que empregar as zonas de entrada e saída de vehículos nin pisar os xardíns”
  • Desenvolvemento Sostible destina unha achega duns 4.700 € á execución dun zafarrancho de desbroce no barrio da Fontesanta e máis de 4.800 € a renovar e embelecer os noiros da Alameda

Despois de que as súas funcións se limitasen durante dúas semanas aos servizos mínimos esenciais de mantemento e limpeza de zonas verdes e parques para evitar a proliferación de posibles focos de infección, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural comeza a recuperar pouco a pouco o pulso normal da súa actividade, acometendo diversas actuacións que estaban comprometidas ou que se iniciaran antes do estado de alarma. Entre estas últimas obras inclúese a creación dun acceso de formigón para conectar a rúa Juan Bautista Andrade co estacionamento do Estadio Municipal de Pasarón, un proxecto incluído dentro do contrato entre o Servizo de Medio Ambiente e a empresa Ferrovial e que a concesionaria ven de rematar.

A nova senda ten uns 10 metros de longo por 1,10 de ancho e está situada á altura da metade do aparcadoiro, polo que se trata dun acceso practicamente equidistante das zonas de entrada e saída de vehículos. Deste xeito, tal e como sostén o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o socialista Iván Puentes, “os usuarios do estacionamento gañarán tanto en comodidade como en seguridade”, xa que poderán acceder e saír do mesmo “sen ter que empregar estes espazos de tránsito de coches nin pisar os xardíns do noiro que dá cara Juan Bautista Andrade”.

Ademais de acometer esta mellora e de retomar as obras de construción do parque infantil de Médico Ballina, o departamento que dirixe Puentes tamén contratou nos últimos días, neste caso a través do Servizo de Parques e Xardíns, a execución de traballos de desbroce no barrio da Fontesanta. Este zafarrancho, que levará a cabo a firma Repoboacións e Desbroces do Noroeste SL cun orzamento de 4.692,38 euros, pretende dar resposta a unha demanda que os veciños lles transmitiron a principios de marzo ao edil do PSOE e ao tenente de alcalde, Tino Fernández, durante unha visita ao barrio.

Parques e Xardíns destinou outros 4.837,52 euros á contratación das obras de xardinería que permitirán renovar e embelecer as zonas verdes que ornamentan os noiros da Gran Vía de Montero Ríos. A actuación será realizada pola empresa especializada Troquiña SL.

Máis de 4.600 euros na adquisición de plantas de tempada

A Concellería que dirixe Iván Puentes tamén efectuou nestas xornadas un importante investimento para a adquisición de plantas de tempada. En concreto, encargáronselle dous subministros de 1.595 € cada un á firma Milagros Rodríguez para as zonas axardinadas da Praza de España e para varias rotondas e illotes do concello, e outro de variedades de primavera á empresa Veraleza SLU por valor de 1.452 € para enfeitar diversos espazos verdes de Pontevedra.