Os #PonteLovers póñense en pé para reiniciar a vida social e económica de Pontevedra

605
  • Promoción Económica pon en marcha unha plataforma para impulsar a recuperación das actividades comerciais de proximidade, liderada por coñecidos hosteleiros, comerciantes e empresarios

Ademais do seu tremendo custe en vidas, a crise sanitaria do Covid-19 tamén está a golpear de xeito contundente ás pymes e actividades comerciais de proximidade, especialmente no que se refire a pequenos establecementos, tendas, restauración e hotelería. Fomentar o consumo nos comercios e negocios de hostelería da nosa cidade, axudar a compensar as consecuencias do confinamento nos sectores comerciais e de lecer a nivel local e reiniciar a vida social e económica de Pontevedra son os principais obxectivos da plataforma #PonteLovers, posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración cos propios hosteleiros, comerciantes e empresarios.

A iniciativa traducirase nunha potente campaña publicitaria que se fará visible a través de redes sociais, medios de comunicación, puntos de venda e soportes exteriores, e que se desenvolverá ao longo de tres fases diferentes (en función da duración das medidas do estado de alarma): a inicial, ata o remate do confinamento; a segunda, a máis intensa, nas primeiras semanas de vida ‘normal’, e unha última, de estabilización. A acción inaugural deste plan municipal, deseñado en colaboración coa firma especializada Carta Blanca, consiste na difusión dunha batería de vídeos domésticos protagonizados, ademais de pola propia concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, por profesionais que contan con sona e recoñecemento na economía de Pontevedra, esencialmente empresarios e empregados dos sectores da hostelería e o comercio.

Entre os ‘buques insignia’ que lideran a plataforma #PonteLovers atópanse nomes propios como Ramón Pedras ‘Petete’, de La Cata; Andrés Acuña, de Panaderías Acuña; Roberto Juncal, de Juncal Alimentación; Francesco Iannelli, de Il Piccolo; David Barber, de Crazy-Barber; Raúl Facciola, da Crêperie Cre-Cottê; Gonzalo Rodríguez, de El Club del Café; David Sobral, de Queixo e Aparte, e Lourdes Rodríguez, de El Dulce de Leche. Na lista de profesionais que protagonizan o lanzamento desta campaña tamén figuran a exparlamentaria e arquitecta María Pierres; a exconcelleira e empresaria María Rey, de Asesoría Blanco & Rey; Alberto Falcón, de Be Differential; Naír Fernández, de Ferco 2000 Correduría de Seguros e Gestoría Fernández; Gema Figueroa, de Prana Wellness Center; Begoña Oliveira, de Selecta Inmobiliaria, e Mariluz Maquieira, de Funziona Inmobiliaria.

A eles irán sumándose nas vindeiras semanas outros rostros coñecidos do mundo deportivo, o pequeno comercio e o tecido empresarial pontevedrés e, en xeral, todo aquel que queira aportar o seu gran de area a esta iniciativa de recuperación da vida social e económica.

Tal e como sinala Yoya Blanco, “baixo o lema Reicina Pontevedra, este proxecto busca que tódolos pontevedreses nos poñamos en pé, unamos forzas e emprendamos un camiño que tamén permitirá salvar vidas, neste caso as deses negocios de proximidade, pequenos comercios, tendas, bares e restaurantes que fan latexar á nosa cidade”. “Esta terrible crise sanitaria serviu para subliñar aínda máis a importancia que as actividades comerciais de proximidade -apunta a socialista- teñen no noso día a día. Axudarlles a eles é axudarnos a nós mesmos”.

Un vídeo profesional e publicidade exterior con bandeirolas

Para o desenvolvemento da segunda fase desta campaña, a Concellería de Promoción Económica e Turismo xa traballa na elaboración dun vídeo profesional, que está a editar o realizador Fernando Portela e que, ao igual que as demais que pezas audiovisuais ‘caseiras’ e os pics publicitarios, contará con redes sociais específicas para a súa difusión: Facebook (https://www.facebook.com/pontelovers/), Instagram (@pontelovers) e Twitter (@LoversPonte). Nesa etapa que se abrirá tralo confinamento realizarase unha intensa publicidade exterior, co deseño de bandeirolas para colocar en elementos do mobiliario urbano e dunha gran pancarta que se instalará na fachada dalgún edificio de propiedade municipal; e a confección de cartelería e de soportes de cartón pluma ou pvc para que os establecementos poidan utilizalos nos seus escaparates ou no interior dos locais.

Nesta segunda fase elaboraranse un ou varios spots, tanto para o comercio en xeral como para a hostelería ou o propio Mercado de Abastos. Serán vídeos comerciais cargados de vida e optimismo, destinados a darlle forza á mensaxe da recuperación económica da cidade a través destes importantes sectores.

Os diversos elementos publicitarios irán acompañados por iconas relacionadas co consumo en establecementos hosteleiros e comerciais de proximidade, vencellando a actividade comercial con frases para animarnos a gozar da oferta comercial e de lecer da cidade.

“Estas accións poderían completarse coa elaboración de diverso material  promocional para puntos de venta. En todo caso, a terceira e última fase do plan servirá para face-lo seguimento das accións efectuadas, estudar a súa evolución e, no caso de que sexa preciso, reenfocalas”, avanza a concelleira Yoya Blanco.

Neste sentido, a edil do PSOE estuda a posibilidade de que, no marco desta campaña e segundo a súa evolución, se poidan desenvolver outras iniciativas, como “a celebración dunha Festa da Vida unha fin de semana ou dalgún concurso a través das redes”.