Urbanismo identifica 802 elementos que ‘desentoan’ na paisaxe urbana da cidade

40
  • A primeira parte do ‘Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana’ contempla estes elementos xeolocalizados e, neste momento, estase traballando na súa tipificaicón en 5 niveis de relevancia 
  • Tras a identificación, programarase unha rolda de xuntanzas co movemento asociativo da cidade co obxectivo de socializar o proceso de integración 

O concellaría de Urbanismo, xestionada polo concelleiro Xaquín Moreda, ten avanzada xa a primeira parte do ‘Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana’, concibido para localizar e actuar sobre medianeiras, muros e valos publicitarios deficientes e mal integrados na cidade. Esta primeira parte consiste na xeolocalización destes elementos, que ascenden a 802, e cos que agora se está traballando para tipificalos en 5 niveis de relevancia.

Os 5 niveis de relevancia están relacionados co nivel de impacto que cada elemento ten na contorna na que está ubicado, atendendo a parámetros tales como o seu impacto visual, as posibilidades de solución a curto, medio e longo prazo de acordo ao actual PXOU, e o seu tratamento actual. Este traballo de xeolocalización foi realizado por un equipo de arquitectos e para levalo a cabo dividiron a ciddade en 33 sectores e empregaron ao redor de 4 meses para idenficar todos estes elementos. 

Tal e como anunciara Xaquín Moreda no momento da presentación deste plan, está previsto que sexa unha iniciativa participativa, polo que toda vez que remate a tipificación dos elementos, programarase un calendario de xuntanzas coas asociacións de veciños e cos movementos sociais dos diferentes barrios para socializar e compartir o proceso de integración. Atendendo á actual situación de confinamento, toda vez que remate o traballo de tipificación, valorarase a viabilidade das xuntanzas veciñais, ben de xeito presencial se o levantamento do estado de alarma o permitise, ben de xeito telemático se non fose posible outra opción.

Hai que lembrar que o ‘Plan de diagnose de mellora da paisaxe urbana” foi posto en marcha para resolver a falta de integración daqueles elementos verticais visibles desde o espazo público e deficientes de calidade, de deseño ou de integración na escena urbana. Entre estes elementos cóntanse medianeiras, valos publicitarios, muros, ou mesmo parcelas pequenas que non teñen suficiente superficie para edificar. A iniciativa pretende, ademais, complementar a transformación urbana de Pontevedra a través de pequenas actuacións nestes elementos que, ata o momento, non tiveron a adecuada integración.