Desenvolvemento Sostible destina 27.000 € á posta a punto da praia fluvial do Lérez para os meses de verán

17
  • A Concellería que dirixe Iván Puentes contrata a renovación do balizamento perimetral da zona de baño, a limpeza do areal e do seu contorno e o servizo de socorrismo para a estación estival

O verán está á volta da esquina e, se as medidas de confinamento continúan a frear a propagación do Covid-19, pronto comezaremos a recuperar os espazos naturais e a desfrutar, este ano máis que nunca, dos areais de Pontevedra. Un dos que sen dúbida se volverá encher de xente cando se levanten prohibicións será a praia fluvial do Lérez, polo que, co obxectivo de garantir que todo estea en perfectas condicións para o seu uso, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de asinar diversos contratos por valor de case 27.000 euros para poñelo todo a punto.

Boa parte desta achega económica, 18.123,53 euros, irá destinada á contratación do servizo de socorrismo entre o 27 de xuño e o 31 de agosto, unhas datas que obviamente poderían atrasarse en función das medidas en vigor. Dous profesionais da empresa Transgalaica SL encargaranse de velar pola seguridade dos bañistas e de atendelos ante calquera incidencia. “Entre o 27 e o 30 de xuño contaremos cun socorrista de luns a domingo en horario de 12:30 a 20:30 horas e, do 1 de xullo ao 31 de agosto, prestarán servizo dous socorristas de luns a venres entre as 16:30 e as 20:30 horas e un de luns a domingo entre as 12:30 horas a 16:30 horas”, subliña o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

Segundo explica o edil do PSOE, a vixilancia redobrarase deste xeito durante as tardes das xornadas laborais, “é dicir, cando se produce unha maior afluencia de xente”, estando en todo caso garantida a presenza de cando menos un socorrista “tódolos días da semana en horario continuado” de 12:30 a 20:30 horas. Non obstante, durante o verán, os pontevedreses tenden a visitar outros areais do contorno de Pontevedra durante as fins de semana e optan pola comodidade da praia fluvial do Lérez para facer un ‘break’ en días de traballo, nos que dispoñen de menos tempo para desprazarse.

Tamén contratou Iván Puentes, grazas a un investimento de 5.075,95 euros, o servizo para a limpeza do areal do lecer, que levará a cabo a firma Ferrovial Servicios SA e que incluirá o mantemento dos baños en perfectas condicións de hixiene. Así, ademais de recoller o lixo na zona de solario e no seu contorno e de baleirar as papeleiras diariamente, a empresa concesionaria encargarase de repoñer material e de acondicionar e limpar a caseta dos aseos dúas veces ao día.

Reposición de boias e cordas rachadas ou deterioradas

Para completar este paquete de actuacións e servizos destinados á posta a punto da praia fluvial, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural encomendoulle á firma ESTELAS SLU o arranxo e substitución de material deteriorado e a instalación do balizamento que delimitar a área de baño. Tal e como apunta Iván Puentes, o Concello ten que realizar estes labores de mantemento ano a ano, xa que, se ben “se retiran en inverno para evitar que as poidan romper troncos ou pólas nas subidas caudal”, hai moitas boias e cordas que sofren danos durante o período estival.

O contrato asinado polo socialista supón un investimento de 3.582 euros e incluirá tanto a reposición do material degradado como a mellora da fixación desta liña de balizamento que abrangue uns 70 metros. Ao igual que os traballos de limpeza e acondicionamento da praia, a instalación das boias non se porá en marcha ata uns 15 días antes de que comecen a traballar os socorristas, coincidindo coa chegada do bo tempo.

“Coido que moitos cidadáns estamos a apreciar agora máis que nunca o luxo que supón saír pasear e facer deporte pola Illa das Esculturas ou a senda peonil do Lérez e, por suposto, dispoñer dunha praia fluvial a apenas 15 minutos camiñando do centro da cidade para mergullarse, tomar sol, botar unha sesta ou descansar. Estou convencido de que pronto sairemos desta crise sanitaria e volveremos ocupar estes espazos de lecer, polo que cómpre telo todo listo para poder desfrutar deles ao máximo”, asegura o edil de Desenvolvemento Sostible.