Os pontevedreses confirman a súa aposta pola reciclaxe con un marzo de récord

25
  • O concelleiro responsable de residuos, Raimundo González asegura que os datos son alentadores porque demostran o compromiso dos veciños e veciñas co medio ambiente e a excelencia que busca o programa Efecto PO2, a pesar do confinamento social.

Os datos de marzo da recollida selectiva no Concello de Pontevedra confirman a implicación dos veciños e veciñas na mellora da calidade de vida do municipio e o elevado grao de concienciación cidadá para mellorar o medio ambiente e contribuír a afianzar o Efecto PO2. E esta tendencia á alza que se vén rexistrando nos últimos meses se incrementa, incluso, na atípica situación que está a vivir a poboación co confinamento doméstico pola pandemia do Covid-19.

Segundo as estatísticas no pasado mes de marzo recolléronse en todas as illas de reciclaxe do concello, tanto na zona urbana como no rural, 102.720 quilos de envases, 153.490 quilos de papel e cartón e 130.420 de vidro. Comparando estes datos con respecto ao mes anterior as subidas son moi notables, xa que en febreiro recolléronse 84.700 quilos de envases, 136.010 quilos de papel e cartón e 47.610 de vidro. É dicir, a suba de marzo ao respecto de febreiro foi dun 21,28% máis en envases, 12,85% en cartón e papel, e 173,93% de vidro.

Recollida selectiva

Colector Amarelo (envases) Colector azul (papel e cartón) Iglú verde (vidro)
Febreiro 2020 84.700 136.010 47.610
Marzo 2020 102.720 153.490 130.420
% 21,28 % 12,85 % 173,93 %

O incremento tamén é moi destacable (se cabe máis) ao respecto da comparativa no mesmo rango temporal, xa que o mes de febreiro resulta ser singular ao ter menos número de días. En marzo de 2019 recolléronse 80.740 quilos de envases, 71.520 de papel e cartón e 70.940 de vidro; e acádanse incrementos tan importantes como un 114% máis de recollida de papel e cartón.

Recollida selectiva

Colector amarelo (envases) Colector azul (papel e cartón) Iglú verde (vidro)
Marzo 2019 80.740 71.520 70.940
Marzo 2020 102.720 153.490 130.420
% 27,22 % 114,61 % 83,84 %

Igual comportamento tivo o colector verde RSU de resto xa que tamén experimenta un incremento no mes de marzo tanto ao respecto de febreiro deste ano como a marzo de 2019. En marzo de 2020 contabilizáronse 2.467.660 quilos o que supón un 6,6% máis que ao respecto de febreiro de 2020 (2.314.800 quilos), e un 0,8% máis que ao respecto de marzo de 2019 (2.447.160 quilos).

Compostaxe

A incrementar os datos de reciclaxe contribúe a compostaxe, tanto individual como comunitaria, que tamén está a experimentar incrementos destacados aínda que non se dispoñen de comparativas reais dado que o sistema está desplegándose. A súa xestión segue a ser a mesma, a única diferencia é que non se reparte compost entre os veciños e veciñas inscritos no programa para evitar o contacto entre as persoas. Este compost, que terá unha maduración máis longa, empregarase integramente na fertilización dos xardíns municipais. 

O Concello quere recoñecer o compromiso dos veciños e veciñas de Pontevedra co seu sistema de recollida de lixo, de selectiva e tamén de compostaxe a pesar da situación sanitaria que se está a vivir. 

Para que os veciños poidan empregar todos estes elementos do mobiliario público con absolutas garantías o Concello limpa cada día todos os centros de compostaxe comunitaria da cidade.

Ademais, hixieniza a diario illas de reciclaxe máis próximas aos puntos críticos de concentración de persoas, e está percorrendo toda a cidade e o rural facendo limpeza de todas as illas de tratamento de residuos.

Ao respecto da compostaxe individual, mantén o contacto telefónico con todos os veciños e veciñas que xa dispoñen deste servizo para resolver dúbidas, dar consellos…

A estatística confirma a tendencia á alza da concienciación veciñal na importancia da reciclaxe e no tratamento dos residuos, o que permite ao Concello ir afianzando a nova marca Efecto PO2, que quere estender en todos os eidos do traballo municipal  como o do tratamento dos residuos sendo unha das principais cartas de visita de Pontevedra.