A Plataforma Galicia-EscudoCovid2019 entrega 600 pantallas protectoras ao Concello de Pontevedra

58
  • A iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e Asime permitiu distribuír 4.000 protectores entre diferentes institucións pontevedresas, entre elas os tres centros de saúde da cidade

Coordinada pola Universidade de Vigo e Asime e coa participación de máis de 20 empresas galegas, a Plataforma Galicia-EscudoCovid2019 busca contribuír á loita contra a COVID-19 a través da fabricación e distribución de pantallas de protección facial para centros sanitarios, corpos e forzas de seguridade e demais actores implicados na loita contra a pandemia. No marco desta iniciativa, na tarde deste martes realizouse en Pontevedra unha entrega de 4000 pantallas a diferentes institucións, entidades e empresas da contorna, que se suman aos preto de 43.000 protectores doados nas últimas semanas no marco desta iniciativa solidaria.

Concretamente, achegáronse 750 protectores ao Sergas, que foron entregados a Coro Sánchez, xefa de servizo do Centro de Saúde Virxe da Peregrina. Estas pantallas “serán destinadas aos tres centros de saúde de Pontevedra, así como aos e ás profesionais sanitarios que realizan actividades asistenciais, tanto en centros de maiores como en domicilios, e a asociacións que traballan con persoas enfermas de cancro e de párkinson”, explica a directora da Área de Transferencia da Universidade, Itziar Goicoechea. 

Tamén se doaron 900 pantallas ao Concello de Marín, outras 600 ao Concello de Pontevedra, 450 ao Concello de Poio e outras 450 ao Concello de Caldas de Reis. Así mesmo, achegáronse outras 600 pantallas ao Clúster da Saúde, que grazas á colaboración da súa xerente, Gisela García Álvarez, e de Ánxela Alonso, serán distribuídas entre as e os logopedas galegos que prestan asistencia a nenos e nenas nos seus domicilios. Así mesmo, entregáronse 150 pantallas á empresa do sector alimentario Pescamar, nunha entrega coordinada pola Vicerreitoría de Transferencia e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, xunto a Asime. O seu secretario xeral, Enrique Mallón, destacou que “con esta iniciativa solidaria púxose en valor a colaboración entre a Universidade e o tecido produtivo galego, que unindo forzas estamos contribuíndo con dispositivos útiles e de alta calidade á loita contra a pandemia da COVID-19”.

Unha iniciativa froito da colaboración

A Plataforma Galicia-EscudoCovid19 enmárcase na iniciativa popular Escudocovid19, que une a provedores de materia prima e ferramentas, centros de produción e medios loxísticos de toda España para producir pantallas protectoras para os diferentes sectores involucrados na loita contra a pandemia. Esta iniciativa solidaria naceu na Universidade de Vigo, da man do director do centro de investigación Cintex, José Luis Martínez Lastra, quen ademais coordinou para Galicia o proceso de deseño, produción e loxística da pantalla, xunto con outros investigadores do centro e do campus de especialización Vigo Tecnolóxico, contando tamén coa implicación da Vicerreitoría de Transferencia. 

No caso de Galicia, a iniciativa está coordinada por Martínez Lastra e polo tamén profesor da Escola de Enxeñería Industria José Antonio Pérez, xunto co secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, contando coa implicación, de xeito altruísta, de máis de 20 empresas, que fixeron posible ata o de agora a distribución de preto de 47.000 pantallas. “O proceso de produción, consistente nun troquelado con moldes, permite producir entre 3000 e 4000 pantallas o día”, explica Goicoechea, que destaca que isto é posible grazas “á especial dedicación das empresas, que colaboran todas elas de forma desinteresada”. Nese senso, pon en valor o labor de Troqueles Galicia no modelado, de Valver na fabricación ou de Dalot na distribución, así como de empresas como Coren, Adhex, Valver ou a propia Asime no subministro de materias primas. A estas súmase ademais, a colaboración, entre outros, de Davitic, Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Cerradoras López Galicia, Distevi, Gadisa, Fabricaciones Parma, Instalaciones del Noroeste, Itera Técnica, Láser Galicia, Metaldeza, Onice Estudios y Proyectos, Resinas Castro, Royal Roos Ingeniería, Solmecor, Uniametal, Utingal e Vigumat.