O Concello destina máis de 300.000 euros á dinamización do mercado municipal

14
  • Trátase dun programa, a desenvolver en dous anos, que inclúe visitas escolares, obradoiros infantís, charlas divulgativas, showcookings e mercados específicos de tempada
  • Esta actuación está cofinaciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das actividades de dinamización do primeiro andar do mercado municipal cun orzamento máximo de licitación de 315.000 euros. Trátase dun programa, a desenvolver en dúas anualidades, e que se divide en dous lotes, un destinado ás actividades de dinamización por 203.900 euros, e outro destinado a un plan de comunicación específico por 111.100 euros.

O obxectivo xeral desta actuación é o de deseñar, implantar e executar un plan de dinamización sociocultural do primeiro andar do mercado municipal, que ademais relacione e poña en valor os produtos de proximidade que son obxecto de venda na planta baixa. 

Entre as accións que recolle o expediente contémplanse visitas escolares e obradoiros infantís, que incidan na promoción e valorización da gastronomía e os produtos de proximidade entre o público máis novo; charlas divulgativas para público en xeral que versen sobre temáticas relacionadas con produtos, saúdes, dietas ou alerxias alimentarias; showcookings ligados á promoción de actividades tanto dos produtos do propio mercado como do gastroespazo; e organización e montaxe de mercados de tempada con presenza de produtores da contorna e produtos artesanais e sostibles. 

En canto á comunicación o expediente recolle actividades tales como o deseño e execución de campañas publicitarias, a impresión e difusión de campañas estacionais específicas e merchandising para actividades propias do gastroespazo.

Estas actuacións están cofinaciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra.

COMPARTIR