A Concellería de Deportes convida a centros educativos e docentes de EF a sumarse á celebración do Día da Educación Física na Casa

104
  • A acción convocada polo Consello Colef para o 28 de abril busca inundar as redes sociais con vídeos curtos e imaxes de actividade física baixo os hashtag #DEFC2020 e #DEFR2020 
  • Todos aqueles centros e profesores interesados en adherirse poden facelo no seguinte enlace da páxina web do Colef Galicia: https://colefgalicia.com/dia-da-educacion-fisica-na-rua-2020/

O vindeiro martes 28 de abril conmemórase o Día da Educación Física e, a pesar das dificultades plantexadas polo confinamento, o Consello Xeral da Educación Física e Deportiva (Consello Colef) e o Colexio Oficial galego (Colef Galicia) non queren renunciar a celebrar esta data como se merece e decidiron substituír os actos convocados a principios de ano por unha acción conmemorativa dende a casa. A iniciativa conta co respaldo do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen convida e anima a tódolos centros educativos e docentes de EF de Pontevedra a sumarse á mesma, adheríndose ao programa e invadindo as redes sociais con imaxes e vídeos curtos de actividade física baixo os hashtag #DEFC2020 e #DEFR2020.

En concreto, a proposta consiste na planificación dunha xornada na que se amose a Educación Física en confinamento, implicando ao alumnado e ás súas familias para incrementar a visibilidade, coordinando a acción co resto de docentes de EF e incluso propoñendo a mesma actividade virtualmente noutros colexios e institutos. O primeiro paso para participar consiste en adherir ao centro educativo mediante o formulario que se facilita no enlace da web do Colef Galicia: https://colefgalicia.com/dia-da-educacion-fisica-na-rua-2020/ (acceso ao formulario), coa fin de que visibilizar un gran número de profesionais na reivindicación por máis EF.

Tal e como apunta Tino Fernández, nesta mesma páxina se poñen a disposición dos participantes diferentes recursos, “nun espazo específico que se creou con motivo do estado alarma para facilitar a docencia telemática (recursos / https://www.consejo-colef.es/post/defc-2020-casa-recursos)”. O concelleiro de Deportes considera que esta iniciativa “é unha boísima oportunidade para reivindicar a importancia da Educación Física para a nosa saúde e para as nosas vidas” e afouta a “implicar a toda a comunidade educativa nesta xornada de celebración e visibilización dende a casa”.

“Durante o confinamento está a poñerse máis que nunca de manifesto a relevancia da EF para o mantemento do benestar físico, psíquico e social das persoas. Por iso, temos que reivindicar o lugar que lle corresponde a esta materia. O 28 de abril -afirma o edil socialista- temos que asolagar as redes sociais coas nosas propostas, creando, innovando e montando festas telemáticas co alumnado, para facelas virais”. 

A celebración do Día da Educación Física na Rúa (DEFR) cumpre este ano o seu décimo aniversario, cambiando para a ocasión a súa R de Rúa pola C de Casa. Tino Fernández lembra que “o confinamento está a facer que os docentes de EF de tódalas etapas educativas descubran outro xeito de traballar, amosando á sociedade a través das redes o seu lado máis innovador”.

Mosaicos e unha sesión especial de EF para cada etapa

Entre as ideas que o Colef Galicia propón para participar neste evento inclúese a gravación de vídeos curtos realizando algunha actividade física relacionada coa EF, identificando autor e centro educativo, explicando o contido do vídeo, dicindo unha ou dúas palabras sobre o que lles aporta a EF e incluíndo os hashtag #DEFC2020 e #DEFR2020. Tamén se lle pode solicitar ao alumnado o envío dunha foto da actividade que están a facer, na que poden saír con toda a familia, e mesmo efectuar unha compilación das fotos dos alumnos para crear un mosaico (por exemplo con www.easymoza.com) e subilo á web do centro educativo.

Por outra banda, estase a preparar unha sesión especial de Educación Física para cada etapa (Primaria, Secundaria e Bacharelato), conducidas por docentes que farán un percorrido a través de varios contidos curriculares, de forma dinámica e lúdica (ás que, por suposto, se poida unir toda a familia). Os centro adheridos xa están a recibir estas sesións para ver o seu contido e tamén se publicarán en aberto o 28 de abril na canle de Youtube  YouTube Consejo COLEF, ás seguintes horas:

  • Primaria, ás 10:00 horas.
  • Secundaria, ás 11:00 horas.
  • Bacharelato, ás 12:00 horas.

De cara a compartir e consultar actividades que están xerando outros docentes, púxose a disposición da comunidade educativa o espazo ‘Recursos docentes EF #YoMeMuevoEnCasa’, de xeito que se facilite a posibilidade de desenvolver clases de Educación Física creativas, innovadoras e motivadoras tamén durante o confinamento.