Iván Puentes lembra a pais e nais que os parques infantís de Pontevedra permanecen pechados

35
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible procedeu á reapertura de diversas zonas verdes que estaban precintadas para que os máis pequenos as poidan desfrutar de novo a partires de mañá
  • O concelleiro socialista advirte ás familias pontevedresas da prohibición de acudir a aquelas áreas de esparexemento que disten máis dun kilómetro do seu lugar de residencia

Ante a inminente volta á rúa das nenas e nenos de Pontevedra, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, lémbralles aos pais pontevedreses que, tal e como se estableceu por decreto dende o inicio do estado de alarma, os parques infantís do concello permanecerán pechados por motivos de seguridade sanitaria. Non obstante, o departamento que dirixe o socialista procedeu durante a xornada do venres á reapertura de diversas zonas verdes que estaban precintadas e das que agora os máis pequenos poderán volver desfrutar cos seus familiares. “Sempre e cando -aclara Puentes- non disten máis dun kilómetro de distancia dos seus lugares de residencia, tal e como estableceu o Goberno central”.

Entre as áreas de esparexemento das que se retirou o precinto atópanse o parque de Conde Bugallal, a Illa das Esculturas, A Xunqueira de Alba, os paseos do Lérez e Os Gafos e as sendas fluviais. Todos eles espazos verdes que, como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “se estiveron e están mantendo e poñendo a punto durante estas semanas para evitar a proliferación de focos de infección e para que, cando chegase un día como o de mañá, os pontevedreses os tivesen nas mellores condicións para o seu uso e desfrute”.

Neste sentido, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns, que coordina Manuel Fontán, proseguiu nos últimos días os traballos de reparación de diversas instalacións de xogos coa finalidade de que estean listas cando se levanten as restricións. 

Segundo sinala Iván Puentes, esta mesma semana rematouse a renovación integral do parque infantil situado na rúa dos Soutos, “un proxecto no que se investiron 1.802,90 euros e que incluíu a substitución completa de varios postes deteriorados en bambáns, a reparación do valado perimetral, o pintado de pezas, a substitución de parafusos en mal estado e o arranxo do céspede artificial con limpeza e peiteado mecánico”. “Tamén se fixo unha achega de area de seixo para restaurar o pavimento, en particular no que atinxe á súa capacidade de amortiguación”, apunta o edil do PSOE.