Aprobadas as subvencións para as entidades culturais no eido municipal

29
  • A tramitación está adiantada para cando se poidan abrir os prazos administrativos e que as asociacións poidan presentarse a elas.
  • Aprobada a adxudicación do mantemento da rede semafórica por 383.000 euros.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a convocatoria das subvencións culturais 2019-2020 destinada ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro rexistradas no Rexistro municipal de asociacións do Concello e que realicen actividades no termo municipal de Pontevedra.

Son axudas cunha contía máxima de 3.000 euros e un porcentaxe de financiamento do 50%, para as accións realizadas entre o 1 de setembro de 2019 e o 1 de agosto de 2020.

Eva Vilaverde, concelleira de Protección Cidadá que exerceu de portavoz do Goberno, explicou ao remate da Xunta de Goberno que con esta aprobación axilízase toda a tramitación para que no momento en que se poida se publiquen e se abran os prazos para que as asociacións poidan acceder a elas.

Lembrou que hai asociacións que xa realizaron actividades a finais do pasado ano ou a primeiros de 2020 e, incluso, hai entidades que tamén estiveron facendo accións culturais por vía dixital durante o confinamento.

Mantemento da rede semafórica

A Xunta de Goberno tamén aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Kapsch TrafficCom Transportation SAU a conservación e mantemento da rede semafórica do Concello de Pontevedra por valor de 383.532,12 euros e un prazo de catro anos, máis a posibilidade de prórroga do contrato por un ano máis.

A empresa que xa realizaba o servizo e que presentou a oferta máis económica, encargarse de controlar os semáforos, os aforamentos, os estacionamentos soterrados ou as entradas e saídas de tráfico na cidade.