O Concello traslada o agradecemento á veciñanza por ter sido “moi responsable” na xornada de onte

7
  • Entre as 11 e as 13 horas foi o período de tempo no que se rexistrou maior presenza de cativos e cativas na rúa, logo de máis de 40 días de confinamento pola Covid. 
  • Non se tramitou ningunha denuncia por incumprimentos.

O Concello de Pontevedra destacou esta mañá o comportamento “cívico e responsable” dos pais e das nais que saíron á rúa na xornada de onte para que os cativos e cativas puideran gozar dunha hora ao aire libre. A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde  explicou que segundo as impresións que lle facilita a Policía Local “parecía un día de Reis” polo número de nenos e nenas na rúa e quixo “trasladar o agradecemento á veciñanza de Pontevedra por ser moi responsables e por actuar con prudencia na xornada de onte”.

As horas de maior afluencia foron entre as 11 e as 13 horas, xa pola tarde a presenza de nenos caeu de xeito importante. A Policía rexistrou presenza de cativos en todas as rúas da cidade e tamén en parques como na Illa do Cobo ou o de Tafisa. “A configuración da cidade e o seu modelo favoreceu que se puidese facer dunha maneira máis distendida”, asegurou Eva Vilaverde.

Non se rexistrou ningunha denuncia, agás algunha advertencia a algún pai ou nai que saían en parella acompañando aos seus fillos, cando a norma indica que só pode saír un en compañía dos nenos e nenas. En xeral, cumprían as normas de sanidade: distancia social, ían separados pola rúa.

Balance policial

Ao respecto dos balance policial, Eva Vilaverde informou de que do 14 de marzo ao 22 de abril rexistráronse 393 denuncias, das cales o 75% eran de homes e o 25% de mulleres. Tamén se contabilizou un 27% de persoas reincidentes (38), e só se rexistraron dúas dilixencias xudiciais tramitadas a unha única persoa.

O número total de solicitudes de recollida de lixo porta a porta de doentes até o de agora foron 32 casos, dos cales 14 están activos, 11 foron dados de alta por negativos e 13 están no rural.

A Policía Local recibiu 5.206 chamadas dende a entrada en vigor do Estado de alarma, das cales 3.471 foron solicitando información en relación ao Covid, e o resto por cuestións ordinarias da Policía.

COMPARTIR