Parques e Xardíns finaliza as tarefas de desbroce en Mollabao e A Fontensanta e traslada o zafarrancho a Monte Porreiro, A Parda, Os Gafos e O Peirao

11
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible contrata actuacións de acondicionamento de espazos axardinados por valor de case 12.000 euros, incluíndo neste paquete o noiro de Montero Ríos

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns segue a traballar a contrarreloxo co obxectivo de que as zonas de verdes da cidade estean canto antes nas óptimas condicións de conservación que tiñan antes da declaración do estado de alarma. Tras completar a sega do noiro do Campiño de Santa María, o departamento que dirixe o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, ven de rematar tamén as tarefas de desbroce e acondicionamento de diferentes espazos axardinados existentes nos barrios de Mollabao e A Fontensanta.

Esta última intervención, que incluíu toda a área situada nas inmediacións do regato, o parque infantil, a pista de educación vial e o centro médico, foi executada pola empresa Repoboacións e Desbroces do Noroeste SL cun orzamento de 4.724,32 euros. Segundo avanzou Iván Puentes, o zafarrancho de posta a punto dos parques e xardíns de Pontevedra trasladarase agora a outros barrios, para o que se completaron diversas contratacións cun valor global de máis de 7.000 euros.

Entre as actuacións que se están a acometer ou que se van levar a cabo ao longo dos vindeiros días contémplase o desbroce da desembocadura do ríos dos Gafos e dos parterres do noiro da avenida de Montero Ríos, contratado á empresa Jara Jardinería Calvarro SL cunha achega de 1.718,20 euros. A esta mesma firma se lle encomendou ademais un zafarrancho de sega e acondicionamento de espazos verdes no barrio de Monte Porreiro, cun investimento de 1.778,70 euros.

As máquinas cortacéspede e aparellos de limpeza tamén tentarán deixar como unha patena os xardíns do barrio da Parda, un cometido que levará a cabo Viveiros Acroa SL e para o que se destinou un orzamento de 1.806,53 euros. A mesma firma especializada acometerá unha limpeza integral e corte de herba nas zonas verdes do contorno de Valentín García Escudero, a rúa do Peirao e as vivendas sociais situadas entre a avenida de Bos Aires e a rúa Serra.

Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, o Servizo de Parques e Xardíns, “que xa viña realizando tarefas de mantemento durante todo o confinamento para evitar a aparición de focos de infección”, intensificou nos últimos días os traballos de posta a punto das zonas verdes da cidade, “co obxectivo de que nenos, adultos e maiores poidan desfrutar delas nas mellores condicións agora que comezamos a recuperar a liberdade para saír, respirar, dar un paseo, xogar e facer deporte”.