A Festa dos Maios chega hoxe a todas as casas de Pontevedra por vía dixital

21
  • A Concellaría de Festas pon en marcha a partir das 11.00 horas do 1 de maio, con vén sendo tradición, unha celebración dixital con vídeos, imaxes, publicacións… facilitadas por persoas e entidades que participan todos os anos nesta celebración.
  • Toda a documentación estará na páxina municipal pontevedra.gal e tamén se colgará ao longo do día nas redes municipais de pontevédrate.

A Concellaría de Festas non renuncia a dar a Benvida ao maio como todos os anos. A pesar de que nesta ocasión a Festa dos Maios non poderá ocupar a praza da Ferraría como viña sendo tradición, 1 de maio, a concellaría que dirixe Carme da Silva non renuncia á tradición e adapta o formato habitual ao eido dixital.

Cun amplo abano de colaboracións tanto de entidades como de persoas a título particular, a Concellaría pon en marcha, a partir das 11.00 horas, como é habitual nesta data, un “maio dixital”. Haberá Benvida ao maio, tamén coplas, información de como se fai un maio, participación de cativos e cativas… Toda a documentación residirá na páxina web municipal pontevedra.gal e tamén comezará a colgarse nas redes sociais municipais a partir das 11.00horas.

A Concellaría pediu ao documentalista Ramón Rozas que fixera a tradicional Benvida ao maio; Xosé Carlos Morgade puxo a letra á copla deste ano e Álvaro Novegil a música creada ex profeso para esta ocasión.

A imaxe desta edición representa a creación dun maio dende unha vista cenital, polo que se pode contemplar como se coloca o fiuncho, os ovos, as laranxas… 

Na páxina web tamén se poderán ver vídeos de como se fai un maio, capítulos dun libro editado por Xosé Carlos Morgade sobre a Festa dos maios en Pontevedra, imaxes cedidas polos centros de ensino e asociacións que habitualmente participan nesta festa para recordar edicións anteriores dos maios…

Celebración no barrio de Monte Porreiro

Ao tempo, a Concellaría de Festas tamén quere colaborar difundindo a iniciativa realizada polo IES Luís Seoane do barrio de Monte Porreiro que pediu aos seus alumnos e alumnas que debuxasen ou creasen un maio nas súas casas e, seguidamente, o pegasen nas fiestras para encher de festa o barrio. Carme da Silva quere felicitar ao centro de ensino por esta iniciativa, e a todo o barrio por acollela, e fai un convite ao resto de Pontevedra para que fagan o mesmo.

Ademais, a Concellaría pide a todas as persoas que queiran que suban ás redes municipais as súas creacións, para así facer deste 1 de maio un día de festa, mentres o Concello agarda xa a convocatoria presencial do ano 2021.

Agradecementos

A Concellaría de Festas quere agradecer a entrega e colaboración desinteresada de todas as persoas e entidades que fixeron posible esta novedosa celebración. 

  • Ramón Rozas (autor de Benvida ao maio) 
  • Xosé Carlos Morgade Martínez (autor da Copla ao maio)
  • Álvaro Novegil de Os gaiteiros da Rías Baixas (autor da música)
  • Xosé María Domínguez 
  • Ramón Peón 
  • ACD de Campañó 
  • ACD de Marcón 
  • CEIP Froebel 
  • CEIP Praza de Barcelos 
  • CEP Marcos da Portela 
  • CEIP Luís Seoane 
  • CEIP Campolongo 
  • Asociación Cultural San Xulián 
  • Asociación Cultural Os da Caña 
Carme da Silva

COMPARTIR