O aforamento do Pazo e do Teatro Principal, primeiro paso para recuperar o pulso cultural da cidade

164
  • A concellaría que xestiona Carme Fouces está a facer este traballo seguindo os criterios e fases da desescalada, para poñer en marcha un plan de relanzamento da cultura local.
  • A intención da concellaría é retomar o vindeiro 25 de maio a programación suspendida o 14 de marzo, e facer un calendario estival que sirva de apoio ao tocado sector cultural.

Coas primeiras directrices do Goberno Central sobre a desescalada, e pendente de maior concreción, a Concellaría de Cultura de Pontevedra está a realizar un plan local de relanzamento cultural. O primeiro paso é coñecer o aforamento permitido para o Pazo da Cultura e do Teatro Principal xa que a intención de Carmen Fouces é manter a programación cultural, na medida do posible, durante o que queda de ano.

Seguindo as previsións do Goberno central e confiando en que Pontevedra vaia superando todas as fases da desescalada, o Concello poderá retomar a súa actividade cultural no Pazo da Cultura e no Teatro Principal o vindeiro 25 de maio cos aforos permitidos.

É intención da Concellaría de Cultura recuperar a programación que quedou en suspenso o pasado 14 de marzo na medida do posible xa que é coñecedora de que algúns espectáculos foron cancelados polas productoras. De feito, a concellaría está disposta a asumir como propios certas propostas que non estaban patrocinadas polo organismo autónomo Pazo da Cultura. 

Este primeiro estudo de aforamento poderá estar rematado ao longo da vindeira semana, sempre que se manteñan os criterios coñecidos até o de agora polo Goberno central. Entre outras medidas, a Concellaría xa baralla, como posibilidade, realizar distintos pases na mesma xornada para atender a demanda dos espectadores.

Dentro dun plan global de relanzamento do sector cultural do concello, Carme Fouces está disposta crear unha programación durante todo o ano para recuperar, na medida en que se poida, todos os contratos, xa que un dos sectores máis afectados pola crise sanitaria e económica é o da cultura.

Tendo presente esta situación, unha das súas primeiras apostas foi manter o Salón do Libro vía dixital para seguir ofrecendo boa parte da programación para que servise de entretemento aos máis cativos pero tamén que permitise manter os compromisos económicos previos cun importante número de empresas que participan no Salón. As actividades aínda seguen en marcha.

Carme Fouces quere transmitir unha mensaxe de esperanza e tranquilidade ao sector e lembra que até o de agora son as administracións locais as que saen ao rescate da cultura galega tal e como o manifestou o Consello da Cultura Galega nunha das súas últimas publicacións.

http://culturagalega.gal/noticia.php?id=31041
Carmen Fouces, concellaría de Cultura.
COMPARTIR