Parques e Xardíns remata os traballos de pintado e impermeabilización de Santa Teresa de Jesús Jornet

25
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible completará o proxecto, que suporá un investimento global de máis de 40.000 euros, coa renovación paisaxística da praza “en canto pasen as choivas”

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de rematar os traballos de impermeabilización e pintado da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet. O departamento municipal de Parques e Xardíns poralle a guinda ao proxecto de rexeneración do parque, que suporá un investimento global de máis de 40.000 euros, coa renovación vexetal e paisaxística dos seus xardíns, unha intervención que se porá en marcha cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.

O concelleiro responsable da área, o socialista Iván Puentes, explica que “para poder levar a cabo esta última fase é necesario que pasen as choivas e chegue un tempo máis estable”. Non obstante, o edil do PSOE asegura que, unha vez que xa se efectuou o peche perimetral, se instalou mobiliario urbano e se acabou de impermeabilizar e de pintar (con pintura antiesvarante), “os veciños do barrio de Pontevedra Leste poderán ‘estrear’ espazo verde nas vindeiras semanas”.

Os traballos realizados ata a data en Santa Teresa de Jesús Jornet incluíron, ademais da colocación da varanda, de oito bancos e de dúas cadeiras, a renovación de diversas papeleiras que presentaban un estado de deterioro e unha limpeza exhaustiva con auga a presión. O plan de humanización e posta en valor desta praza rematarase agora co acondicionamento das zonas axardinadas e coa súa mellora paisaxística, contratado á firma Jara Jardinería Calvarro SL.

Tal e como sinala Iván Puentes, esta intervención traducirase nunha renovación completa dos xardíns que rodean a praza, dotándoos dun sistema de rego por goteo que permita mantelos en perfecto estado cun aforro no emprego de auga. As obras contemplan un novo axardinamento, coa incorporación dunha composición de especies arbustivas e tapizantes cunha variada gama de flores de diferentes cores ao longo das catro estacións.

Mellora do estrato arbóreo e algunha árbore singular

Tódolos parterres do parque de Santa Teresa de Jesús contarán cunha malla antiherbas coa finalidade de reducir e facilitar os labores de mantemento das zonas verdes. Asemade, a través do proxecto de renovación paisaxística mellorarase o estrato arbóreo dos xardíns, potenciándoo coa incorporación dalgunha árbore singular, e instalaranse e conectaranse á rede unha tubaría de polietileno e unha mangueira de goteo.

Entre as flores, arbustos e plantas que se empregarán para o axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes: agapantos, hedras, cotoneaster, hebes, berberis, loropétalos, olivillas, buxos xaponeses, boneteiros, azaleas e plantas espello, ademais dalgunha árbore de carácter singular.