Vintecatro obras aspiran a facerse co I Premio Literario Pinto e Maragota de diversidade sexual e de xénero

24
  • A concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro, avanza que a presentación da peza literaria gañadora farase “coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGTBI, o 28 de xuño”

Un total de vintecatro obras aspiran a facerse co I Premio Literario Pinto e Maragota, organizado pola Concellería de Igualdade de Pontevedra en colaboración coa editorial Edicións Xerais para visibilizar, reivindicar e dignificar a diversidade sexual e de xénero. A responsable do departamento municipal, Paloma Castro, avanza que a peza literaria gañadora do galardón darase a coñecer “nunha data arredor do 28 de xuño, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGTBI”.

Aínda que a Concellería abrira unha vía telemática para a presentación dos traballos, de xeito que se puidesen entregar dun xeito seguro, e o prazo de entrega xa se pechou o pasado 23 de abril, agardouse unha semana máis pola chegada dos orixinais que se tivesen enviado ao Centro de Información á Muller (CIM) mediante correo ordinario. Pechada a fase de inscrición, o resultado é, como sinala Paloma Castro, “máis que satisfactorio para unha primeira edición dun premio literario como este, cunha temática tan concreta”. 

“Temos 24 traballos, que é unha cantidade máis que aceptable, co seguinte reparto por públicos: 9 obras destinadas a lectores infanto xuvenís e 15 para adultos. No que atinxe aos xéneros, concorren 9 pezas de narrativa (infantil, xuvenil e público adulto), 6 de teatro-guión, 6 de poesía (para tódalas idades) e 3 de álbum infantil”, sinala a concelleira de Igualdade e Benestar.

Segundo constata a edil do PSOE, “o colectivo LGTBI aplaudiu as decisións do Concello de Pontevedra de non cancelar esta primeira edición por mor da crise sanitaria da Covid-19 e de habilitar unha vía de entrega de obras a través de internet”. 

Ademais de estar dotado dun único galardón cunha achega económica de 3.000 euros, as bases do certame contemplan que o traballo premiado sexa publicado por Edicións Xerais de Galicia, que asinará coa gañadora ou gañador un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual. Castro prevé que a obra “poida editarse por unha das editoriais máis sólidas de Galicia cara principios de 2021”.

O xurado deliberante estará formado por tres persoas competentes na materia, dúas designadas pola concelleira de Igualdade e outra a proposta de Edicións Xerais de Galicia. Con voz e sen voto, formarán tamén parte do xurado a concelleira da área e un funcionario ou funcionaria que ela designe e que actuará como secretario/a.

Este xurado reunirase para decidir o gañador/a do premio (que non poderá ser dividido, pero si declarado deserto) antes do 28 de xuño e as súas decisións serán inapelables. Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado, dita obra obtivese outro premio, o autor ou autora débello comunicar inmediatamente ao Concello de Pontevedra, retirándoa do certame Pinto e Maragota.