O acondicionamento da cidade de cara a desescalada refórzase coa reparación e pintado de farolas e semáforos

30
  • Estas actuacións, cuxo orzamento ascende a preto de 95.000 euros, inclúen reparacións na rede de subministro eléctrico na contorna das luminarias e o pintado e lixado tanto de farolas como de semáforos que presentan corrosión 
  • Estes tráballos súmanse aos de mantemento de espazos públicos urbanos, iniciados hai dúas semanas, de cara a ter o centro urbano perfectamente acondicionado para a fin do confinamento domiciliario

A área de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, que xestiona a concelleira Eva Vilaverde, vén de dar luz verde aos traballos de reparación de avarías na iluminación pública e pintado de farolas e semáforos que presentan corrosión, por un importe total de 94.679,70 euros. Estas actuacións veñen sumarse aos traballos de mantemento de espazos públicos urbanos iniciados hai dúas semanas co obxecto de ter a cidade mellor acondicionada de cara ao avance da desescalada e a fin do confinamento domiciliario.

O contrato de reparación de avarías na iluminación pública no núcleo urbano, adxudicado a Meldosa, inclúe a localización de avarías, substitución de luminarias, lámpadas e equipos danados por sobretensións, a revisión de conexións e de cableado, e traballos en zanxas en beirarrúas para substitución de tubaxes coa conseguinte reposición de pavimento. 

Mentres, o contrato de pintado de farolas, adxudicado a Inconsa, inclúe traballos de lixado  e cepillado para posterior aplicación de imprimación antioxidante e pintado de bases e columnas de farolas, arcos de semáforo e semáforos simples, que presenten corrosión e deterioro na capa de pintura. Estes traballos realizaranse nas farolas e semáforos de toda a zona de ‘Orillamar’, na avenida María Victoria Moreno, rúa Alfonso X O Sabio, Luís Braille, Andrés Mellado, Eduardo Pondal, Josefina Arruti, Pintora Maruxa Mallo, Abundancia, Diego Sarmiento Acuña, Gaiteiro Ricardo Portela, avenida da Estación, desde a estrada de Ponte Caldelas a Príncipe Felipe, e desde a estrada de Ourense á avenida Montecelo. 

A reparación e pintado de farolas reforza as actuacións que se están a realizar no marco do contrato de mantemento de espazos púbicos urbanos, para ter a cidade mellor acondicionada de cara á incorporación da xente á rúa, tanto de cara ás distintas fases da desescalada como a fin do confinamento domiciliario. Hai que lembrar que os traballos de mantemento de espazos urbanos deran inicio pasado 20 de abril na denominada ‘zona 1’, que abrangue o centro da cidade e as rúas máis comerciais da cidade, desde a contorna de Benito Corbal ata a pasarela por unha banda e ata o Concello por outra. 

As principais actuacións que se están a realizar están relacionadas, maioritariamente,  con arranxos de pavimento deteriorado, afundido, roto, ou que sexa susceptible de ocasionar algún tipo de risco por outros motivos. Tamén, e atendendo ao descenso de tráfico rodado, se están solventado deterioros e pequenos afundimentos nas entradas de garaxes e a revisión e reparación do firme nas contornas dos rexistros (correspondentes a servizos e subministros) para evitar o ruído destas tapas metálicas. Paralelamente, contémplase o arranxo de elementos de mobiliario urbano que poidan supoñer algún tipo de perigo para as persoas que o utilizan.