As marxes das sendas da Xunqueira de Alba tamén pasan por perruquería co inicio da desescalada

11
  • O Servizo de Medio Ambiente Natural executa traballos de desbroce, limpeza, corte de céspede e poda de pólas molestas ou en mal estado na desembocadura do Rons e o contorno dos sendeiros

A activación da fase 0 da desescalada e o conseguinte establecemento de franxas horarias para a práctica deportiva e os paseos trouxo consigo un uso intensivo de varias das principais zonas verdes de Pontevedra, entre elas a Illa das Esculturas e as marismas da A Xunqueira de Alba. Co obxectivo de que todos estes espazos naturais estean nas óptimas condicións que presentaban antes do confinamento e poidan ser desfrutadas ao máximo pola cidadanía, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa a realizar labores de desbroce, limpeza e acondicionamento.

Tal e como sinala o edil responsable a área, o socialista Iván Puentes, “as marxes das sendas da Xunqueira de Alba e os seus prados tiñan as herbas moi altas, polo que se decidiu que fosen as seguintes zonas verdes en pasar por perruquería”. A tarefa estana acometendo dende onte operarios do Servizo Municipal de Medio Ambiente mediante máquinas cortacéspede e desbrozados (así como cos seus correspondentes Equipos de Protección Individual).

Os traballos estanse a concentrar nas marxes das sendas, especialmente no contorno dos camiños da desembocadura do río Rons e da zona de paseo para cans, e consisten en corte de céspede, desbroce, limpeza e poda de pólas que sexan molestas ou estean en mal estado. Iván Puentes aclara que “non se pode acometer un dresbroce xeralizado de tódalas pradeiras, xa que estamos en primavera e moitas especies vexetais e animais atópanse agora mesmo nun momento sensible e é aconsellable agardar a que rematen os seus ciclos”.

“Estamos a actuar nas marxes dos camiños para que, agora que hai un tránsito como nunca se vira, a xente poida camiñar sen problemas e teña espazo suficiente para cruzarse, mantendo sempre a distancia de seguridade. Non obstante, hai que ter en conta que se trata dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e temos que intervir mantendo un equilibrio entre este incremento exponencial de uso e a conservación da flora e a fauna”, sinala o edil do PSOE.

Evitar que os cans accedan ao río

Neste mesmo sentido, Puentes pídelles sensibilidade aos donos dos cans coa fauna da Xunqueira de Alba e rógalles “que eviten que as súas mascotas accedan ao río”, xa que “hai algunhas especies de paxaros, como os patos que precisan de tranquilidade para criar”. Segundo apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, “as aves poden estresarse moito pola presenza de cans, resultar feridas ou, no peor dos casos, mortas”.

Iván Puentes asegura que, con esta posta a punto, o ENIL da Xunqueira de Alba “vai presentar un aspecto inmellorable”, sobre todo despois da rexeneración da rede de sendas peonís das marismas, que a empresa EC Casas executou nun treito duns 500 metros entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara grazas a un investimento de 12.000 €.