Lores: “O Concello vai a facer o posible para reactivar a hostalería da cidade” 

87
  • O alcalde reuniuse con representantes do sector da cidade para informarlles da situación actual e escoitar as súas demandas.
  • Aseguroulles que o Concello está en disposición de “facer todo o posible para reactivar, dentro das súas competencias, todos os sectores económicos da cidade”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo un encontro con representantes da hostalería da cidade (Asociación provincial de hostalería, Asociación de hostalería de Pontevedra e Zona Monumental) acompañado das concelleiras de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a responsable de ocupación de vía pública, Eva Vilaverde para coñecer as demandas do sector, expoñer a marxe de manobra que ten o Concello de Pontevedra na xestión económica a estas alturas da crise e tratar de coordinar o inicio dos veladores na fase 1 do Estado de alarma que se porá en marcha o vindeiro 11 de maio.

O alcalde aseguroulles que “o Concello vai facer todo o posible, dentro das súas competencias, para reactivar a economía en todos os sectores; tamén na hostalería e o turismo que é moi importante dentro da cidade”.

Explicoulles que a situación actual “é moi cambiante”, por iso, neste contexto, “a nosa intención é reinventar todo tipo de actividade que poida xerar movemento coa ocupación do espazo público (lecer e deportes, por exemplo) para garantir que a xente volva de forma moderada ás rúas”.

Pero tamén volveu a facer uso da máxima que deben ter os gobernantes locais, cando menos, neste contexto de crise: responsabilidade, prudencia e sensatez, por iso, adiantou que “non podemos prometer cousas excesivamente” xa que o Concello ten unhas limitacións económicas e unhas competencias definidas que “trataremos de adaptar a estas circunstancias para saír desta co menor dano posible”.

Os hostaleiros puxeron sobre a mesa distintas peticións para que fosen consideradas polo Concello como a condonación de taxas como lixo ou veladores, a reformulación do espazo público durante o Estado de alarma para tratar de beneficiar aos veladores ou a redireccionar distintas partidas do orzamento municipal para beneficiar ao sector.

COMPARTIR