Urbanismo propón novos criterios interpretativos para propiciar a edificabilidade

60
  • Permitirían segregar predios urbanos para dispoñer de solo edificable, sempre que limite cunha rúa con servizos
  • A comisión de Urbanismo tamén propón iniciar o proceso para incorporar unha nova estrutura á reitoría de San Bartolomeu ‘O Vello’

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, vén de informar que na comisión desta área se propuxeron novos criterios interpretativos para facilitar as posibilidades de edificar en determinados predios da cidade. Trátase de predios que terían dereito a ser edificados por lindar cunha rúa urbanizada (isto é, unha rúa que conta con todos os servizos) pero co cambio de lexislación autonómica de 2016, só poden edificar se están urbanizadas todas as rúas coas que lindan. Xaquín Moreda puxo como exemplo predios existentes na zona de Pasarón ou na avenida de Vigo.

Concretamente, citou que na avenida de Vigo hai soares que lindan dunha banda coa propia avenida de Vigo e por outra cunha rúa proxectada no PXOU que actualmente está sen executar. Os novos criterios interpretativos permitirían segregar a parcela para que a área lindante coa avenida de Vigo sexa considerada solo urbano consolidado (por tanto, edificable con licenza directa) e o restante quedaría como solo urbano non consolidado. Esta proposta realízase segundo explicou Moreda para “poñer máis solo a disposición e completar a cidade, e evitar agravios comparativos con outros soares que só dan frente a rúas urbanizadas”. Tamén explicou que esta proposta debe ser ditaminada pola comisión de Urbanismo para ser aprobada en Pleno, con acordo previo da Consellaría.

En canto á reitoría de San Bartolomeu ‘O Vello’ e a denominada ‘Horta do Cura’, a comisión de Urbanismo tamén propuxo inciar o proceso para incorporar unha nova estrutura á ficha de catálogo da edificación principal. Deste xeito ampliaríase a zona considerada vivenda que se detraería da zona considerada ‘horta’, isto é, cambiase a delimitación no planeamento de desenvolvemento P.1-Horta do Cura. Xaquín Moreda explicou que o documento que motiva esta incorporación é un documento histórico de 1854 que describre a reitoría e que fora solicitado polo Arcipestazgo de Morrazo a teor das leis Sinodales que obrigaban a cada sacerdote titular a redactar unha enumeración de bens e do seu estado coa finalidade de reparar danos e manter as casas con boa presenza.