Medio Natural desinfecta os parques infantís con protocolos semellantes aos aplicados nos contornos de centros sanitarios e residencias de maiores

8
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible destinou unha achega de 14.278 euros á limpeza e aplicación de produtos desinfectantes contra a Covid-19 nas 55 zonas de xogo do municipio
  • O edil Iván Puentes explica que os traballos de eliminación de axentes patóxenos prolongaranse durante varias semanas e lembra que o acceso aos parques infantís segue a estar prohibido

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural puxo en marcha esta semana un zafarrancho de desinfección integral dos 55 parques infantís existentes en Pontevedra. Aínda que os prazos de execución dos traballos dependerán de que as condicións meteorolóxicas sexan as axeitadas para a aplicación de produtos desinfectantes, o edil responsable da área, Iván Puentes, explica que, dada a gran cantidade de zonas de lecer para nen@s que hai no concello, os traballos vanse prolongar durante varias semanas e lembra que “o o acceso aos espazos de xogo dos máis pequenos segue a estar prohibido nestas fases iniciais da desescalada”.

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns, que coordina Manuel Fontán, destinou unha achega económica de 14.278 euros á contratación da empresa especializada Garocaprim SL para que realice estas tarefas de eliminación de elementos patóxenos, necesarias para combater a presenza da Covid-19 nos parques infantís. Segundo sinala Iván Puentes, “neste primeiro zafarrancho estanse a aplicar protocolos de desinfección semellantes aos que se veñen desenvolvendo en lugares de elevada sensibilidade, como os contornos de centros sanitarios ou residencias de maiores, coa finalidade de garantir un axeitado exterminio de axentes patóxenos nos elementos de xogo, superficies, valados, mobiliario…”.

“Unha vez executados estes traballos de desinfección -avanza o concelleiro socialista-, a Concellería de Desenvolvemento Sostible coordinarase coas autoridades sanitarias e, en funcións das medidas que se vaian adoptando ao longo da desescalada, aplicará os protocolos de limpeza e control que garantan un uso seguro das instalacións de xogo unha vez que se autorice de novo a súa utilización”.

Consciente das gañas que os rapaces teñen de volver aos parques infantís despois de máis de mes e medio sen pisalos, o edil do PSOE pídelles “un pouquiño máis de paciencia” aos pequenos e ás súas familias e lémbralles que “continuarán pechados por motivos de prevención, conforme ás directrices das autoridades sanitarias”.