O Concello estende ás zonas periurbanas da cidade o protocolo de desesinfección dos espazos públicos

47
  • A Concellaría de xestión dos residuos que dirixe Raimundo González iniciou esta semana traballos de roza, limpeza, baldeos… en espazos como a Parda, O Marco, Mollavao, Burgo, Monte Porreiro, Santa Margarida, avenida de Lugo…

Ante a saída á rúa de máis persoas coincidindo co inicio da desescalada, a Concellaría de residuos, que xestiona Raimundo González, ampliou esta semana os zafarranchos de limpeza, roza e desinfección aos ámbitos periurbanos da cidade. Monte Porreiro, Mollavao, O Marco as zonas altas da Parda, o Burgo, Santa Margarida, a avenida de Lugo… están sendo obxecto dunha especial atención por parte do servizo e da empresa concesionaria de limpeza, Ferrovial Servizos, tratando todos os espazos con produtos desinfectantes de tal modo que as persoas que se acheguen á rúa o poidan facer en perfectas condicións de seguridade.

Os traballos consisten na limpeza dos espazos públicos (beirarrúas, prazas…) con produtos desinfectantes, chorreos a presión con auga tratada, roza de maleza que soe crecer nestes ámbitos xa que se tratan das extremas da cidade que en moitas ocasións non teñen un perfecto desenvolvemento urbano, entre outros traballos.

Os zafarranchos desenvólvense por zonas e irase estendendo aos distintos espazos periurbanos fixados ao longo dos días.

Estes labores súmanse ao protocolo de limpeza e desinfección habilitado para manter en perfecto estado de uso os espazos de especial concentración de persoas como centros médicos e hospitalarios, farmacias, establecementos de alimentación… aos que se suman as illas de reciclaxe e os composteiros comunitarios. 

Cabe lembrar que a Concellaría que xestiona Raimundo González traballou dende o primeiro minuto do decreto do Estado de alarma cun protocolo específico de actuación para garantir a limpeza da cidade, a seguridade dos espazos públicos e a tranquilidade dos veciños e veciñas. O servizo de limpeza e recollida de lixo é esencial na loita contra o coronavirus.

Reprogramou toda a actividade diaria do servizo para adaptalo ás necesidades principais derivadas da pandemia e ampliou a contratación de novos servizos que están en marcha dende o pasado 14 de marzo tanto para o ámbito urbano como para o rural.