O Concello homenaxea a Carvalho Calero divulgando a súa obra entre a rapazada

68
  • Está a difundir seis unidades didácticas e un xogo interactivo ao redor da figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas, pensadas especialmente para centros de ensino
  • Investirá preto de 20.000 euros en libros relacionados co autor que serán mercados integramente en librarías pontevedresas, co obxecto de impulsar e apoiar o comercio local

A área de Normalización Lingüística en colaboración con dúas empresas culturais e de deseño pontevedresas, Polo Correo do Vento e ImasV, vén de sacar á rúa seis unidades didácticas e un xogo interactivo ao redor da figura e da obra de Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano. O obxectivo desta acción é, segundo o concelleiro responsable da área, Alberto Oubiña contribuír á difusión da obra de Carvalho Calero entre os e as máis novas, entendo que a celebración do día grande das letras de noso se centra precisamente na divulgación e na transmisión do legado da persoa homenaxeada. 

Para isto, Polo Correo do Vento creou unha serie de seis unidades didácticas arredor da figura de Carvalho Calero con preguntas e xogos que permiten ás e aos máis novos coñecer a este persoeiro. A difusión destas unidades estase realizando, desde comezos desta semana, nas redes sociais de Normalización Lingüística e na páxina web da área de Normalización Lingüística: snl.pontevedra.gal. Desde o luns e ata mañá sábado, estanse subindo cada día unha unidade.

O xogo interactivo, que foi deseñado por Polo Correo do Vento e ImasV, complementa as fichas da unidade didáctica e serve para que as e os máis novos da casa poidan afondar nos seus coñecementos dunha maneira entretida e lúdica sobre a figura deste escritor.  O xogo será compartido nas páxinas web do Concelllo e da área de Normalización Lingüística o domingo. Ademais, estes recursos faránselle chegar aos centros de ensino, para que os poidan empregar durante estas semanas no marco das aulas telemáticas co seu alumnado. 

Doutra banda, os lotes de libros que tradicionalmente entregaba o alcalde na recepción   con motivo do Día das Letras Galegas a todas as asociacións, entidades e centros escolares, con libros da persoa homenaxeada, serán enviados a cada unha das sedes, sociais e centros educativos. Nesta ocasión e atendendo á actual situación de excepcionalidade, o Concello decidiu facer a compra destes libros, que suman máis de 1.200 exemplares, nas librarías pontevedresas, co obxecto de reafirmar o apoio e impulso ao comercio de proximidade. A compra realizarase en 19 librarías,cun investimento de case 1000€ por libraría para mercar os seguintes títulos: “Ricardo Carvalho Calero. O Anxo da Terra”  de Henrique Rabuñal (Galaxia); “A xente da barreira” de Ricardo Carvalho Calero (Galaxia); “Conversas con Ricardo Carvalho Calero” de Carmen Blanco (Galaxia); “Historia da literatura galega contemporánea” de Ricardo Carvalho Calero (Galaxia); “A pegada do compromiso” de Héctor Cajaraville (Xerais); “Scórpio” de Ricardo Carvalho Calero (Através Editora); “Antología da poesía em galego” de Ricardo Carvalho Calero (Através Editora); “Beleza, verdade” de Ricardo Carvalho Calero (Chan da pólvora); “As pitas baixo a choiva” de Ricardo Carvalho Calero (Edicións Embora); “Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación” de Maria Pilar García Negro (Laiovento)