O Concello resolve o contrato con Nexia e procede á redacción dun novo proxecto para a parte da obra sen executar

12
  • Trátase da actuación ‘Rehabilitación superficial de accesos de O Rial a Rorís e A Meán. Lourizán”, que pasará tramitarse coa máxima urxencia

A Xunta de Goberno local vén de resolver o contrato con Nexia na actuación referida á canalización de servizos e pavimentación nos lugares de Rorís, A Meán e Outeiro, na parroquia de Lourizán. Ademais de anular o compromiso do gasto derivado deste contrato, o Concello incauta a garantía definitiva do citado contrato (por tratarse de causa imputable ao contratista) que ascende a 5.063,93 euros e iniciará o expediente para determinar os danos e prexuízos ocasionados. 

O pasado mes de febreiro, o Concello iniciara o proceso para a rescisión do contrato con esta empresa por incumprimento do prazo de execución da obra, e habilitara un procedemento de emerxencia para tratar de deixar practicables os espazos que quedaran a medio arranxar. A Xunta de Goberno desta mañá tamén acordou proceder á redacción dun novo proxecto para a parte da obra que quedara sen executar.

Doutra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou o informe-proposta do proxecto e os pregos de adxudicación do aparcadoiro soterrado Véteris. Trátase da cuarta vez que se procede a esta licitación de concesión demanial para a adxudicación en réxime de concorrencia da Unidade de Actuación 35 do PXOU. Deste xeito, volve procederse á apertura do procedemento e ordénase a publicación dos anuncios de licitación coas conseguintes cláusulas económicas e administrativas para a adxudicación.

COMPARTIR