A Concellería de Deportes convida aos pontevedreses a participar na primeira carreira solidaria Ponle Freno en formato virtual

145
  • O evento deportivo celebrarase de xeito coordinado en toda España a través dunha APP os vindeiros días 20 e 21 de xuño e poderase participar nas modalidades de 5 e 10 kilómetros

Aínda que a situación de alerta sanitaria da Covid-19 obrigou a aprazar a carreira solidaria Ponle Freno que tiña que celebrarse o 20 de xuño en Pontevedra, Atresmedia, en colaboración coa Fundación AXA e Red de Talleres CGA, decidiu organizar para nesas datas a primeira proba popular da iniciativa en formato virtual e sincronizada en toda España. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, considera que, “mentres a carreira non se poida volver celebrar en condicións de seguridade e non haxa unhas novas datas no calendario, esta proba virtual supón un bo xeito de quitarse a espiniña e colaborar cun obxectivo solidario”.

A carreira desenvolverase entre os días 20 e 21 de xuño, terá un carácter de homenaxe ao doutor Jesús Vaquero, falecido por Covid-19, e a recadación íntegra destinarase ao ensaio clínico de lesións medulares que liderou como xefe do Servizo de Neuroloxía da Fundación para a Investigación Biomédica do Hospital Universitario Puerta de Hierro (Majadahonda) durante 20 anos.

Poderase participar desde calquera lugar de España de xeito individual a través dunha APP, nas modalidades de 5 e 10 kilómetros. As inscricións xa están abertas na plataforma ‘carrerasponlefreno.com‘. “Correr de maneira individual -asegura Tino Fernández- tamén pode ser unha experiencia compartida e cumprir cun fin solidario, como é a maior acción social pola seguridade vial”.

Referente mundial e pioneiro do tratamento de lesións medulares, Vaquero conseguiu xunto ao seu equipo tratar lesionados de medula espiñal coas súas propias células, o que se traduciu nunha mellora da calidade de vida dos pacientes, aumentando a súa resposta motora, sensibilidade e capacidade de marcha. En concreto, a recadación da carreira solidaria virtual destinarase a poñer en marcha un ensaio clínico de lesións medulares traumáticas cervicais orixinadas por accidentes de tráfico a entre 10 e 15 persoas para un tratamento de terapia de células nai procedentes da medula ósea.

APP PFV

Esta primeira carreira virtual Ponle Freno a nivel estatal será posible grazas ao lanzamento dunha aplicación tecnolóxica específica (APP PFV), que permitirá a xeolocalización e sincronización de tódolos seus participantes. A proba desenvolverase en dous días, dende as 6:00 horas da mañá do sábado 20 de xuño ata as 23:00 horas do domingo 21 de xuño (tendo en conta as limitacións horarias de cada lugar e momento). Durante este período, o usuario debe completar a distancia seleccionada (5 ou 10 kilómetros), e a través da APP previamente descargada no seu móbil, subir o resultado co que compite. O teléfono funcionará polo tanto como chip de cada participante.

Como en citas anteriores, a carreira contará coas modalidades masculina, feminina e handbike, ademais da júnior. Ponle Freno Virtual tamén terá os seus dorsais e unha camiseta exclusiva. O procedemento para conseguilos será o seguinte: unha vez realizada a inscrición na plataforma ‘carrerasponlefreno.com‘ (a un prezo de cinco euros), o usuario quedará rexistrado e recibirá o seu dorsal por email. De xeito opcional, tamén se poderá solicitar a camiseta exclusiva desta edición (co abono dun importe e tres euros por gastos de envío), que recibirá no seu domicilio. Recoméndase facer a solicitude antes do 15 de xuño.

Tino Fernández explica que, se ben non é obrigatorio portar o dorsal cando cada participante realice a proba, “levalo será un dos elementos de unión na carreira e servirá para compartir experiencias”.

A partir do luns 22 de xuño publicarase a clasificación na web oficial e, nesta ocasión, ao tratarse dunha edición especial, tódolos participantes entrarán nun sorteo para poder gañar un dos trofeos, que serán enviados á cidade correspondente.