O novo vial de acceso a Mollavao inicia tramitación administrativa e contará cun orzamento de preto de 1 millón de euros

288
  • O deseño da vía persegue implementar os estándares de alta calidade urbana nesta conexión entre Rosalía de Castro e a avenida de Marín 
  • Inclúe sendas peonís, unha rotonda en cada extremo, tres pasos de peóns sobreelevados e alumeado de alta calidade

O proxecto para o novo vial de acceso a Mollavao xa está rematado, o que permite iniciar a tramitación pertinente con todas as Administracións implicadas de cara a súa psoterior licitación. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, quen asegurou que o deseño definitivo do proxecto permite “expander a a malla urbana e a zona de alta calidade urbana do centro da cidade a unha área onde xa non hai cidade”, o que implicará a implementación de sendas peonís e elementos de calmado de tráfico.

Así, o proxecto, cuxo orzamento ascende a 938.824,63 euros, contempla sendas peonís  ao longo dos 97 metros de lonxitude do vial, para conectar coa senda da ría da avenida de Marín; levará dous carrís de cirulación, un en cada sentido; unha rotonda en cada extremo do vial;  3 novos pasos de peóns sobreelevados; e alumeado de alta calidade ao longo de todo o vial e columnas de iluminación en ambas rotondas para evitar problemas de accesibilidade respecto da luz. A construción da rotonda de conexión coa avenida de Marín implicará que se teña que refacer un pequeno treito da propia avenida de Marín.

Entre a complexidade do proxecto, Demetrio Gómez citou, en primeiro lugar, que se trata dun vial que debe empatarse por un extremo cunha vía existente e polo outro cunha vía que está proxectada aínda en anteproxecto, en referencia á actuación de reordenación da rúa Rosalía de Castro. Neste sentido, o concelleiro de Obras explicou que se intentarán solapar prazos para adiantar a tramitación da reforma de Rosalía de Castro mentres se executa o novo vial de acceso a Mollavao. 

Demetrio Gómez explicou, ademais, que a tramitación necesaria para proceder á licitación do proxecto é “complexa” pero que xa está iniciada. Neste sentido, a Deputación de Pontevedra xa solicitou o informe de impacto ambiental á Xunta e a tramitación ante ADIF por tratarse dunha zona de afección de ferrocarril, e tras estes dous trámites e cos informes positivos procederase á redacción do informe municipal para, posteriormente, tramitar con Costas a concesión deste terreo para a execución do vial. Tras toda esta tramitación, sacarase o proxecto a licitación cun prazo de execución de 9 meses.

Entre as as principais melloras que suporá a entrada en funcionamento deste novo vial, o concelleiro salientou a conexión peonil cunha zona xa de alta calidade urbana como é a senda na beira da ría, a mellora dun espazo actualmente degradado e, tras a reordenación de Rosalía de Castro que quedará como vía de saída, a ordenación da circulación perimetral de Pontevedra polo anel urbano máis exterior evitando que o tráfico de paso entre no centro urbano.