O Concello colaborará na desescalada das persoas confinadas en residencias da terceira idade

55
  • O alcalde recibe ás directoras das tres residencias da cidade para agradecer, parabenizar e poñer en valor que en ningunha delas se rexistraran casos de coronavirus
  • Desde o Concello incidirase na limpeza e desinfección das inmediacións das residencias e na vixilancia para que se manteñan distancias de seguridade na saída á rúa das persoas residentes
  • As directoras das residencias agradecen o compromiso responsable dos seus equipos profesionais, o comportamento exemplar dos e das residentes e a comprensión das familias

Ningunha das tres residencias da terceira idade da cidade de Pontevedra rexistrou ningún caso nin de contaxio nin de falecemento por Covid-19. Unha circunstancia que Miguel Anxo Fernández Lores quixo agradecerlle persoalmente ás directoras das residencias porque segundo asegurou “estas cousas non son casualidade, teñen moito que ver coa profesionalidade, con mater as medidas de seguridade e con estar en contacto coa xerencia da área sanitaria de Pontevedra desde o primeiro momento, para o intercambio de información e de impresións para tomar as mellores medidas posibles”. 

Así, a primeira hora desta mañá o alcalde e a concelleira Carme Fouces mantiveron un encontro con Rocío Pidre e Concha Ocampo, directora e doutora da Residencia Soremay respectivamente, María Teresa Caneda Triñanes, directora-administradora da Residencia de maiores de  Campolongo, e Lucía Saborido, directora da Residencia Saraiva para, ademais de felicitalas polo traballo e polo esforzo, ofrecer a colaboración do Concello na desescalada das persoas confinadas nestres tres centros de maiores. Coa entrada en vigor da Fase 2, previsiblemente a partires da vindeira semana, desde as residencias comezarase paulatinamente a permitir saídas das persoas residentes. Ante este escenario, o alcalde comprometeu a colaboración do Concello en dous aspectos: nun maior coidado e incidencia na limpeza e desinfección das proximidades das residencias e apoio en cuestións de seguranza, a través de Protección Civil ou Policía Local, para garantir as distancias de seguridade no espazo público das contornas das residencias. Ademais, o alcalde fixo un chamamento á cidadanía “para que teñan en conta que van saír as persoas das residencias ao espazo público, que o teñen merecido despois de dous meses e medio, e que o teñan en consideración”.

Miguel Anxo Fernández Lores volveu lembrar que a área sanitaria de Pontevedra tivo unha porcentaxe máis baixa que outras áreas en canto a incidencia da Covid-19 e que isto é debido ao traballo dos e das profesionais, das Administracións competentes e ao “comportamento exquisito dunha gradísima maioría da poboación que mantivo as normas”.

Compromiso, responsabilidade, paciencia e humor

María Teresa Caneda, Rocío Pidre e Lucía Saborido, pola súa banda, coincidiron en sinalar a importancia do compromiso e do traballo responsable dos seus equipos profesionais. “Ao principio foi unha tolemia, con moito medo e incertidume, pero o máis importante para conseguir que non houbese ningún contaxio foi o esforzo grandísimo do noso persoal, cunha disposición de traballo e cunha responsabilidade persoal pola súa parte extraordinaria” asegurou María Teresa Caneda.

Noutro aspecto no que tamén coincidiron foi no comportamento das persoas residentes ante todos os cambios levados a cabo para manter as medidas de seguridade. Rocío Pidre quixo poñer en valor a súa “paciencia e sentido do humor” a pesares de de ter que “adaparse a todos estes cambios, porque reestruturamos de arriba abaixo o funcionamento da residencia para que o contacto sexa mínimo e aínda así conservan o sorriso”. Tamén o papel das familias foi mencionado pola súa comprensión e apoio en canto se suspenderon as visitas para garantir a seguridade e minimizar risco de contaxio. Por último, tamén tiveron palabras de agrdecemento para as persoas reponsables da área sanitaria, en palabras de Lucía Saborido “o contacto coa xerencia da área sanitaria, as xuntanzas que tivemos, o apoio e a coordinación foi unha das pezas claves para que funcionara todo moi ben”. 

Na actualidade a Residencia de maiores de Campolongo ten 95 residentes, a Residencia Soremay ten 82 e a Residencia Saraiva 38.