O CIDES ofrece un servizo gratuíto de ‘Lectura Sensible’ para mellorar a linguaxe empregada en publicacións e medios en materia de diversidade sexual e de xénero

5
  • O Centro de Información coordinado por Ada Otero asesorará neste eido a calquera cidadán ou empresa que presente dúbidas terminolóxicas á hora de publicar en xornais, blogs, libros…

O Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), coordinado por Ada Otero, acaba de poñer en marcha un novo servizo gratuíto de ‘Lectura Sensible’, co que pretende dar asesoramento e resolver as dúbidas que cidadáns e empresas lle plantexen en relación á linguaxe empregada en medios de comunicación, redes sociais e todo tipo de publicacións en materia LGTBI. Deste xeito, calquera profesional ou cidadán que publique habitualmente en xornais ou blogs, que estea a escribir unha novela ou que teña dúbidas á hora de utilizar os termos máis axeitados, poderá poñerse en contacto co CIDES a través do correo electrónico ‘cidespontevedra@gmail.com‘ e mesmo solicitar cita para unha chamada telefónica. 

Segundo sinala Ada Otero, “é bastante común que á hora de facer un escrito sobre o colectivo LGTBI se teñan moitas dúbidas” e, no caso concreto da temática trans, “hai un número importante de reclamacións de lectores, polo emprego de termos incorrectos, non por mala fe, senón por falta de información”. “Para evitar estas situacións -subliña Otero- o CIDES ofrece o servizo de ‘Lectura Sensible’, que consiste en resolver dúbidas ou directamente ler o escrito para poder buscar a linguaxe ou as expresións que poidan mellorarse”.

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, anima “a todos aqueles cidadáns ou empresas que teñan dúbidas sobre os termos LGTBI máis acaídos a aproveitar unha oportunidade coa que non se perde nada e se gaña moito, xa que ademais de útil é gratuíta”.

COMPARTIR