O Centro de Atención Social Continuada de Rexurdir atende na cidade a unha media de 30 usuarios diarios dende o inicio do estado de alarma pola Covid-19

19
  • O servizo, financiado pola Concellería de Benestar Social, permitiu ofrecer almorzo, reparto de alimentos, roupeiro, aseo, ducha e lavandería á poboación máis vulnerable durante o confinamento
  • O perfil xeral do usuario é o dun varón que xa leva un longo tempo na rúa, que pide cartos ou aparca coches e que consume de xeito regular substancias como heroína, haxix ou alcohol

O Centro de Atención Social Continuada de Rexurdir Provincial está a ofrecer asistencia a unha media de 30 usuarios e usuarios diarios, dos cales uns oito son mulleres, dende o inicio do estado de alarma decretado pola crise sanitaria da Covid-19. O servizo, financiado pola Concellería de Benestar Social, adaptouse con eficacia ás novas demandas motivadas pola pandemia, pasando de atender ao habitual perfil de drogodependentes crónicos de substancias duras a centrarse en dar resposta ás necesidades de todas aquelas persoas da nosa cidade e do seu contorno que, por mor das consecuencias socioeconómicas da pandemia, se atopan actualmente en situación de vulnerabilidade ou exclusión social (ou risco de entrar na mesma).

Entre os servizos prestados polo Centro de Rexurdir inclúense almorzos, reparto de alimentos, roupeiro, aseo, ducha e lavandería. Segundo apunta a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, se ben é certo que as historias vitais dos usuarios son moi diversas, “hai unha serie de características comúns a todos eles, como o feito de non ter documentación; carecer de acceso á rede sanitaria; non dispor de ingresos económicos, ter ingresos inestables e insuficientes ou contar con ingresos procedentes de axudas sociais (Risga, Rai, PNC…); carecer de fogar e ter grandes dificultades para acceder a unha vivenda digna (ou no caso de tela, con moi malas condicións de habitabilidade); padecer enfermidades físicas e/ou mentais de longa evolución, e consumir abusivamente drogas (heroína ou haxix), alcohol e medicación non prescrita, tendo por regra xeral ás súas costas máis dun tratamento de deshabituación e desintoxicación”.

Moitos dos usuarios están en proceso de incapacitación ou xa incapacitados; son estranxeiros cunha longa traxectoria de exclusión en varios países e moi reticentes a achegarse aos servizos sociais e sanitarios da cidade; pertencen a minorías étnicas, principalmente a xitana; carecen de soporte familiar e social (ou se existe, é moi fráxil), teñen unha formación básica, desfasada ou mesmo nula, e presentan problemas xudiciais e déficits no coidado persoal. 

Tal e como explica Paloma Castro, todas estas características “arroxarían o perfil tipo dun varón que leva xa un longo tempo na rúa, que pide cartos, aparca coches ou cobra algún tipo de prestación (desemprego, subsidio de excarceración, PNC, Risga, Rai…), cun nivel formativo escaso ou nulo e que, normalmente, vive en moi malas condicións en casas okupas compartidas ou na mesma rúa”.

Un novo usuario derivado de ERTE ou finalizacións de contrato

A concelleira de Benestar Social constata que, a consecuencia da crise sanitaria da Covid-19, tamén se detectou no Centro de Atención Social Continuada de Rexurdir “un novo perfil de usuario, que é o daquelas persoas que se viron prexudicadas por ERTE ou pola non renovación dos seus contratos de traballo, que acabaron nunha situación que non podían imaxinar e que tiveron que recorrer a este servizo para alimentarse e manter unhas condicións de limpeza e hixiene aceptables”.

Paloma Castro celebrou o feito de que ata hoxe non se producira ningún contaxio no interior do Centro, “algo que se debeu en gran medida ao plan de continxencia que a institución elaborou tralo decreto do estado de alarma e que todo o persoal cumpriu estritamente”. Algunhas destas medidas contemplaron a limitación de aforo dentro das instalacións (nunca máis de cinco simultaneamente), o distanciamento social, o lavado de mans con xel hidroalcólico e o uso de máscaras.

COMPARTIR