O Mercado relanza a súa imaxe e os seus ‘Sabores’ coincidindo coa reapertura do gastroespazo

153
  • O segundo andar da Praza de Abastos retoma este martes a súa actividade con seis postos abertos e un aforo máximo de 100 asentos, un 40% dos 250 para os que ten de capacidade
  • A Concellería de Promoción Económica colocará carteis informativos nos accesos a ambas plantas, adhesivos e aplicacións colgantes baixo os conceptos ‘Camiño de Sabores’ e ‘Aquí hai Sabores’

A entrada de Pontevedra na fase 2 da desescalada traerá consigo a reapertura do gastroespazo do Mercado de Abastos, que retomará a súa actividade este martes cun aforo máximo de 100 asentos (un 40% dos 250 para os que ten capacidade) e seis establecementos abertos: Olmos Gastrobar, Bar La Plaza, Umami Poke, Merluzateca, Nasa e A Viñoteca. Esta nova etapa irá acompañada non só dunhas estritas normas de hixiene e prevención, senón tamén dunha renovación e unificación da imaxe das dúas prantas da Praza en base ao concepto ‘Sabores’, coa instalación de carteis informativos e de adhesivos para o chan e aplicacións colgantes que marcarán os itinerarios para os clientes.

Ademais das restricións de aforo, establecerase un único acceso polas escaleiras da entrada principal (cara a rúa Serra), empregándose as do lado dereito para subir e as da esquerda para baixar e quedando pechadas o resto de escaleiras do edificio. Unicamente poderá utilizarse o ascensor da dereita, que ao igual que os aseos terá unha ocupación máxima dunha persoa. Colocaranse dispensadores de hidroxel tanto na entrada como nos aseos.

A Concellería de Promoción Económica e Turismo estableceu un aforo máximo de 48 cadeiras para a zona da terraza central, 24 para a da galería que dá á avenida de Bos Aires, 10 para cada unha das cafeterías (Olmos e La Plaza) e catro en cada un dos laterais adxacentes ás escaleiras de baixada e de subida (lindantes co Sete de Bastos e o Piada Romagnola). Co obxectivo de aproveitar as obrigas que impón a fase 2 á entrada en servizo da hostalería e a reorganización do espazo gastronómico para relanzar a imaxe do conxunto do Mercado de Abastos, a responsable do departamento municipal, Yoya Blanco, decidiu realizar “unha aposta visual chea de vida, colorista e desdramatizada”.

“Xa que tiñamos que implementar algunhas normas de uso do espazo, queremos aproveitar para facelo dun xeito optimista, concibindo ao visitante como unha amizade aliada na adversidade. Con esta filosofía desenvolveuse un argumento en base ao concepto ‘Sabores’, que unifica ambas áreas, adaptándoo ás circunstancias que se derivan de cada actividade. Para a hostalería tradúcese en ‘Camiño de Sabores’, pois traza un roteiro que os visitantes deben seguir nunha soa dirección para non cruzarse, e para as bancadas e postos de venda directa en ‘Aquí hai Sabores’”, explica a concelleira socialista.

A partires desta idea básica, deseñáronse adhesivos para o chan e aplicacións colgantes con forma de corazón e aspecto colorista, o que, segundo subliña Blanco, “simboliza o estado de certa ledicia co que imos afrontar a nova normalidade”. Asemade, instalarase cartelería coas medidas contra a Covid-19, os límites de aforo e os sentidos de circulación de entrada e saída.

O horario de apertura

Tal e como avanzou a edil de Promoción Económico, o horario de atención ao público do gastroespazo será de 11:00 a 16:30 horas o martes, mércores e xoves, e de 11:00 a 16:30 e 19:00 a 00:00 horas o venres e sábado. A apertura atrasarase unha hora na xornada do domingo, na que os clientes poderán desfrutar dos establecementos abertos entre as 12:00 e as 16:30 horas.