Comezan as obras de reposición de firme na contorna da Praza de Touros e rotonda de San Roque

22
  • Os días 25, 26 e 27 de maio haberá nesa zona cortes de tráfico e desvíos provisionais por mor desta actuación
  • Estes traballos, que se enmarcan no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos, teñen por obxectivo rehabilitar a capa de rodadura en tramos nos que se aprecia deterioro 

A rotonda de San Roque – Paseo de Colón e a contorna da Praza de Touros serán os primeiros tramos nos que se realizarán traballos de reposición de firme de cara a subsanar os deterioros que presentan. Trátase das primeiras actuacións previstas para rehabilitar a capa de rodadura en tramos de diversas rúas da cidade nos que se detectou algún tipo de desperfecto, e que se enmarcan nos traballos incluídos no contrato de mantemento de espazos públicos urbanos.

A actuación, tras os labores preliminares de planificación dos traballos e definición do operativo de tráfico necesario, comezará o luns 25 na rotonda de San Roque – Paseo de Colón, Isto implicará que entre as 8h e as 20h se restrinxirá a circulación de coches, quedando o acceso a garaxes de Paseo de Colón habilitado no sentido habitual pola propia rúa con saída en sentido contrario cara a rúa Monteleón. En canto aos autobuses, serán desviados en ambos sentidos por Corbaceiras – ponte das Correntes e nó de Bombeiros.

O martes 26 e mércores 27, procederase a actuar na contorna da Praza de Touros polo que os garaxes das rúas perimetrais accederán polas rúas Irmáns Nodais, Pedro Mariño de Lobeira ou desde a avenida das Corbaceiras cando non sexa posible acceder desde a glorieta de San Roque con Paseo de Colón.

Convén lembrar que a reposición do firme en rúas que presentan deterioro responde ao obxectivo de ter todos os viais da cidade en condicións óptimas de cara ao levantamento do estado de alarma e á incorporación do volume de tráfico rodado habitual. Desde a área de Mantemento de Espazos Públicos Urbanos, que xestiona a concelleira Eva Vilaverde, está previsto extender estes traballos nas vindeiras semanas a tramos da avenida Xoán Carlos I, praza de Galicia (o tramo da parada de autobuses), rúa Fernando II,  rúa Juan Bautista Andrade, rotonda Xoán Carlos I – Losada Diéguez – Gaiteiro Ricardo Portela, rotonda da avenida Fernández Ladreda, e glorieta da rúa Echegaray – Alfonso XIII. 

COMPARTIR