Comezan as obras nun novo tramo de Loureiro Crespo

64
  • A partires do martes, 26 de maio, a actuación de reforma urbana exténdese ao treito comprendido entre a rúa 12 de novembro e a rúa Ernesto Caballero
  • Restrinxirase o tráfico neste tramo a só un carril e en sentido centro cidade

As obras de reforma de Loureiro Crespo e do barrio do Castañal continúan avanzando, a partires do vindeiro martes, por un novo tramo. Trátase do treito situado entre a rúa 12 de Novembro e a rúa Ernesto Caballero, onde se procederá a iniciar os traballos de levantamento do actual pavimento para proceder á instalación dos novos servizos soterrados. Estes traballos acometeranse primeiro pola marxe dereita (en dirección Ernesto Caballero), quedando habilitado ao tráfico o carril da marxe esquerda.

Tal e como estaba previsto, o inicio dos traballos neste novo tramo leva parello un plan especial de tráfico. Así, os garaxes do treito afectado polas obras accederán pola rúa Loureiro Crespo (sentido centro cidade), manterase operativo un único carril no tramo en obras (sentido centro cidade), e a partires da intersección con Ernesto Caballero permítese a circulación cara a avenida de Lugo. 

Estas obras, que teñen un prazo de execución de 11 meses e un orzamento de preto de 3 millóns de euros para a actuación completa, foran inciadas o pasado 27 de abril no tramo comprendido entre a praza do Hospital e a rúa 12 de novembro. Até o de agora, a actuación realizada neste treito implicou o traslado da parada de taxis para Cobián Areal e os traballos de demolición e instalación de novos servizos na marxe dereita, en dirección rúa 12 de novembro. Neste momento xa se está en disposición de proceder a formigonar e colocar o novo pavimento nesa marxe para dar comezo, de seguido, á actuación na marxe esquerda.

Convén lembrar que a reforma de Loureiro Crespo e O Castañal, unha das máis ambiciosas das proxectadas na cidade, estenderá os estándares de calidade urbana propios do Modelo Pontevedra a unha das entradas da cidade, e que comprende as rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das Regas, ademais da propia Loureiro Crespo. Implica a renovación da pavimentación e o largo das beirarrúas e varios puntos, ao tempo que inclúe a renovación de todos os servizos, a instalación de nova iluminación, novo mobiliario urbano, e a plantación de novas árbores en algúns dos treitos.