Os alumnos dos institutos de Pontevedra sácanlle tarxeta vermella á violencia de xénero

39
  • Un proxecto impulsado pola Concellería de Igualdade ensinará aos estudantes de Secundaria a través dun vídeo a distinguir abusos e condutas que reflicten sinais de alarma da violencia machista

Lograr que os alumnos dos institutos aprendan a descubrir sinais de alarma da violencia machista nos seus primeiros estadios é o principal obxectivo do proxecto Tarxeta Vermella Contra a Violencia de Xénero, que a Concellería de Igualdade e Benestar puxo en marcha nos centros de Educación Secundaria e FP de Pontevedra en colaboración co Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdad. A través dun vídeo didáctico, no que a tarxeta vermella é o símbolo empregado para poñerlle freo ás condutas inaxeitadas, os estudantes distinguen diferentes comportamentos e abusos que lles servirán como ferramenta de prevención.

Coa elaboración e difusión desta peza audiovisual entre os centros educativos dáselle continuidade a un programa que o Concello comezara a impartir de xeito presencial en febreiro e que se viu interrompido por mor da crise sanitaria da Covid-19. As primeiras sesións da iniciativa, dirixida a alumnas e alumnos con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos, xa se impartiran no IES A Xunqueira en tódolos niveis cunha moi boa acollida antes da chegada da pandemia e a Concellería de Igualdade tamén pechara datas cos IES Sánchez Cantón e Valle Inclán e o CPR Salvador Moreno.

A edil responsable da área, Paloma Castro, explica que “ante a incerteza sobre o retorno ás aulas e a dificultade de desenvolver esta actividade de xeito telemático, optouse por crear un vídeo no que se representan os diferentes chanzos ou niveis de abuso que se poden subir dentro dunha parella antes de chegar aos golpes e maltratos: dende os máis sutís de carácter ambiental e social ata o psicolóxico ou verbal, o económico, o sexual e o físico”. 

“Convidamos ao alumnado a reflexionar sobre os tipos de abuso que aparecen nos medios, de xeito que poidan detectar os sinais de alarma nas súas parellas e no seu contorno máis próximo e levantar a tempo a tarxeta vermella para frealos antes de que pasen ao seguinte estadio”, subliña a socialista.

A Concellería de Igualdade distribuirá o vídeo, ademais de nos centros nos que xa se impartiron as sesións presenciais, nos IES Torrente Ballester, A Xunqueira I, Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane e Montecelo; os CIFP Carlos Oroza e A Xunqueira; os CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Os Praceres, Los Sauces, Plurilingüe Calasancio e Plurilingüe Nuestra Señora de los Dolores; os CEEPR Amencer e Juan XXIII, e o EPADU Río Lérez.

A escaleira da violencia de xénero

Segundo sinala Paloma Castro, no vídeo simbolízase a violencia de xénero “como unha escaleira que ten o seu primeiro chanzo en abusos como coller o móbil ou a mochila sen permiso (ambientais); o segundo en chantaxes emocionais destinados a dicirnos con quen temos que falar, como debemos vestirnos ou a onde temos que ir (sociais), e o terceiro en insultos, ameazas, burlas, menosprezo dos nosos logros ou desprezo das nosas opinións (psicolóxicos)”. Os chanzos superiores terían lugar na convivencia e traduciríanse en comportamentos como impedir o acceso a un salario e ás contas bancarias ou prohibir a compra de comida, roupa ou billetes de transportes (abusos económicos); as presións, insultos e ameazas para ter relacións non consentidas ou a negativa a empregar preservativo (sexuais), e finalmente, o emprego da violencia física.

A concelleira de Igualdade avanzou que, no marco deste proxecto, o seu departamento tamén está a traballar na elaboración dun novo vídeo centrado nos dereitos asertivos.