O Concello convoca o posto para a xefatura da Policía Local

16
  • O posto está circunscrito a funcionarios e funcionarias do Corpo da Policía Local de Pontevedra con categoría de inspector principal
  • O actual xefe, que ocupa a praza de forma provisional, limitou a súa permanencia na xefatura ao remate do estado de alarma

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde vén de anunciar que nos vindeiros días se publicitará a convocatoria para cubrir de xeito estable a xefatura da Policía Local. A concelleira lembrou que o actual xefe, Ángel Ruibal, leva desempeñando o posto de forma accidental desde o pasado mes de xaneiro, cubrindo a vacante que deixara Daniel Macenlle cando pasara a ocupar a Dirección Xeral de Protección Cidadá. Tamén explicou que, aínda que xa estaba previsto convocar o posto de xeito estable, a suspensión de prazos e procedementos derivados do estado de alarma e a situación provocada pola propia pandemia, non o facía acaído ata o de agora. 

A previsión é que a convocatoria se publicite nos taboleiros do Concello xa que, dadas as características deste posto na RPT, está circunscrito a funcionarios e funcionarias do corpo da Policía Local de Pontevedra que teñan a categoría de inspector principal. Por último, Eva Vilaverde tamén informou de que o actual xefe limitou a súa permanencia na xefatura ao remate do estado de alarma.