#PonteLovers inicia hoxe o reparto de 2.000 carteis da súa campaña ‘Sentidiño fronte o Covid-19’ entre os establecementos comerciais da cidade

192
  • Baixo o lema ‘Pola seguridade de todos’, os carteis da plataforma Reinicia Pontevedra inciden nas normas de hixiene e prevención a seguir por parte de clientes, propietarios e empregados

Tras completar a distribución de 500 packs de vinilos con sinais e indicacións de seguridade contra o coronavirus polos comercios da cidade, a plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers inicia hoxe o reparto gratuíto de 2.000 carteis da súa campaña ‘Sentidiño fronte o Covid-19’ en tamaño A3 entre as pemes e os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio. Baixo o lema ‘Pola seguridade de todos’, os novos carteis da iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo recollen diversas normas de hixiene e prevención a seguir por parte de clientes, propietarios e empregados dos negocios.

A figura do robot Sentidiño contribúe a divulgar e lembrar dun xeito ameno e distendido, que poida chegar directamente tanto a adultos comoo a pequenos, medidas como o uso obrigado da mascarilla de protección no interior dos locais, o respecto aos aforos máximos marcados, o mantemento da distancia de seguridade de dous metros, a disponibilidade de xel hidroalcohólico e a importancia de evitar tocarnos a cara, a boca, a nariz e os ollos.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explica que a plataforma Reinicia Pontevedra completará esta campaña coa distribución de 4.000 guías que condensarán as medidas de hixiene e protección máis relevantes difundidas dende as administracións competentes. A socialista fai fincapé no feito de que, tal e como ven acontecendo con tódalas iniciativas lanzadas no marco de #PonteLovers, “este material, que lles vai ser de moita utilidade aos responsables dos negocios para adaptarse á nova normalidade e que doutro xeito terían que adquirir por si mesmos, está a ser repartido gratuitamente”.

Novas mesas sobre Empresas Culturais e Medios de Comunicación

En paralelo á campaña ‘Sentidiño fronte o Covid-19’ e á intensificación das accións promocionais a pé de rúa, a plataforma #PonteLovers continúa a celebrar mesas de traballo para analizar as demandas, necesidades e propostas dos diferentes sectores económicos e impulsar iniciativas, sinerxias e vías de colaboración. Para esta semana, a Concellería de Promoción Económica organizou outros dous encontros telemáticos: mañá martes 26 de maio ás 18:00 horas terá lugar unha Mesa de Empresas Culturais e Creativas, mentres que o xoves 28, á mesma hora, desenvolverase unha de Medios de Comunicación.