O Concello retoma o pulso da obra pública con case 40 millóns en execución no rural e no ámbito urbano

90
  • A Comisión de Obras coñeceu hoxe dos 34,5 millóns que se invisten en sostemento do espazo público, pluviais, accesibilidade, saneamento e abastecemento en 9 parroquias do rural.
  • Os 5 millóns que se invisten no ámbito urbano son no sostemento dos espazos públicos, do mobiliario urbano e nas reformas de Loureiro Crespo e da Ponte do Burgo.

A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos celebrou esta mañá a súa primeira reunión dende a declaración da pandemia da Covid-19 facendo un repaso das obras en marcha no concello de Pontevedra. Segundo explicou o presidente da Comisión, Demetrio Gómez, concelleiro de Obras urbanas, logo da reunión, o Concello ten en execución proxectos por valor de case 40 millóns de euros. Poñer en marcha a obra pública era unha das prioridades do Goberno municipal para inxectar liquidez na economía local e reactivar a actividade económica.

Dos 39,8 millóns en marcha, 34,5 millóns son investimentos en 9 parroquias do rural, tanto en traballos de sostemento de espazos públicos, de redes de pluviais e de accesibilidade, ademais das obras de saneamento e abastecemento derivadas do novo contrato da auga. É o 85% da obra pública en marcha no Concello, xestionada polos concelleiros Pilar Comesaña e Alberto Oubiña.

Demetrio Gómez destacou que as obras están executadas, na maior parte, por empresas locais e galegas.

Os 5 millóns restantes executados na cidade distribúense en traballos de sostemento dos espazos públicos e reformas urbanas.

Ao respecto do sostemento do espazo público, xestión que corre a cargo da concelleira Eva Vilaverde, estase actuando sobre na reparación, reposición e mantemento do viario peonil, comezouse con asfaltados en distintos puntos da cidade (San Roque e contorna de praza de Touros e continúa esta semana no ámbito de María Victoria Moreno), e estase a manter a rede de iluminación pública municipal facendo limpezas, pintados e desferruxamento dos báculos dos farois en toda a cidade (na actualidade os operarios están a traballar nas avenidas de Uruguai e Bos Aires).

Ao respecto das obras de nova execución, que dirixe o propio Demetrio Gómez, están en marcha as reformas de Loureiro Crespo, recentemente iniciada, e a da Ponte do Burgo, practicamente rematada.

Loureiro Crespo

En Loureiro Crespo, o concelleiro explicou que se vai a bo ritmo a pesar de que poida parecer o contrario. Este é o momento da apertura da vía para cambiar os servizos soterrados que se atopan bastante danados e cruzados, por iso a obra parece non ter tanta vistosidade.

Polo de agora os traballos vanse desenvolvendo en distintas fases.

Fase 1. Apertura de vía entre Antón Fraguas e Casimiro Gómez (marxe dereito saída da cidade). O soterramento dos novos servizos está completo e está previsto para mañá o pavimentado da zona e a apertura ao tráfico de entrada á cidade.

Fase 2. Apertura de vía entre a rotonda de Doce de Novembro e Ernesto Caballero (marxe dereita saída da cidade). Comezou hoxe mesmo o que obrigou a pechar o tráfico en sentido saída da cidade. Este será o sentido de circulación de Loureiro Crespo cando remate a obra. Demetrio Gómez anunciou, polo tanto, que o sentido definitivo de circulación (entrada á cidade) se irá implantando a medida que se vaian facendo tramos de vía. 

Para esta fase constituíuse un novo equipo de traballo.

Fase 3. Apertura de vía entre Casimiro Gómez e Doce de Novembro (marxe dereita saída da cidade). Comezarán os traballos de reposición dos servizos o que obrigará a pechar o sentido de saída da cidade a partir do xoves, 28 de maio ás 08.00 horas. Faranse os desvíos de tráfico procedentes de Casimiro Gómez cara Xerardo Álvarez Limeses. A circulación procedente de Doce de novembro desviarase por Casimiro Gómez.

Provisionalmente e mentres non avance a obra, o tramo entre Ernesto Caballero e a rotonda da avenida de Lugo mantense en dobre dirección.

Demetrio Gómez tamén anunciou que o sentido de circulación en todas as perpendiculares a Loureiro Crespo manterase no estado actual, agás nos momentos puntuais en que sexa necesario cambiar sentidos por mor das obras.

Ponte do Burgo

A Ponte do Burgo é a outra obra que está practicamente rematada. De feito está previsto o seu remate para o vindeiro 31 de xullo. Neste momento está rematada a denominada obra civil, e está pendente de rematar a instalación da iluminación do taboleiro e da nova praza do Burgo, xa que a empresa adxudicataria do proxecto, Setga, está en pleno proceso de fabricación dos materiais.

Saúdos  ;-))

COMPARTIR