Os xardíns urbanos de Pontevedra recuperan o seu esplendor grazas a un zafarrancho de podas, desbroce, axardinamento e melloras en iluminación

66
  • As actuacións impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible supuxeron un investimento de máis de 60.000 euros e incluíron o acondicionamento de diversos parques infantís

Ante a progresiva recuperación do espazo público e dos parques urbanos por parte da cidadanía, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural levou a cabo nestes días un intenso zafarrancho de podas, desbroce, limpeza, axardinamento, melloras en iluminación e acondicionamento de varias das principais zonas verdes e de xogo de Pontevedra. As actuacións supuxeron un investimento global de máis de 60.000 euros e desenvolvéronse en ámbitos como O Miradoiro e a rúa Francia de Monte Porreiro, a avenida de Montero Ríos, O Castañal, A Parda, Mollabao, Pontevedra Leste, Os Salgueiriños, O Burgo, Eduardo Pondal, Amalia Álvarez, García Camba, Luís Braille, Alfonso X, María Victoria Moreno, Otero Pedraio, Praza de San Xosé e as desembocaduras dos ríos Lérez e Gafos.

Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “os grandes parques, os paseos, as marxes fluviais, os xardíns de pequeno tamaño en prazas e recunchos da cidade e as árbores que arroupan terrazas e rúas, cobran especial importancia neste proceso de recuperación da normalidade”. “Ansiamos facer deporte, camiñar, usar a bicicleta e realizar actividades ao aire libre para recuperar pouco a pouco a liberdade que nos arrebatou a Covid-19. Dende Parques e Xardíns queremos garantir que se faga de xeito responsable -subliña Puentes- e en condicións hixiénico sanitarias óptimas e, tras xornadas de duro traballo, conseguimos devolverlles aos parques urbanos o seu esplendor primaveral”.

O departamento que dirixe o edil do PSOE destinou unha achega económica de 16.400 euros á contratación da empresa especializada Repoboacións e Desbroces do Noroeste SL para a execución de podas de árbores e limpeza de ramas mortas en diversas rúas da cidade. Estes traballos contemplaron a eliminación de pólas secas ou perigosas, o recorte daquelas que causaban molestias no tránsito peonil ou de vehículos e nas proximidades dos edificios, e tratamentos fitosanitarios no arboredo de viais e parques.

Na rúa Rosalía de Castro e en Mollabao levouse a cabo unha poda de ramas molestas en robinias e cerdeiras de flor e un recorte de ramas baixas e tratamento de laranxos, para potenciar o seu esplendor na floración. Tamén se trataron contra o ataque de pulgóns as chitalpas da praza de San Xosé e se limparon ramas en mal estado nas magnolias de flor lindantes co Café Moderno. Podouse a árbore homónima da rúa da Oliva e limpáronse as camelias de García Camba.

Reposición de especies arbóreas en Amalia Álvarez

Iván Puentes explica que este tipo de actuacións tamén se desenvolveron en Luís Braille, Alfonso X, María Victoria Moreno, a rúa Francia (Monte Porreiro), o contorno de Otero Pedraio (nas inmediacións do albergue de peregrinos), Eduardo Pondal e todo o ámbito da Cidade de Pedra e a estación do ferrocarril. A Concellería de Desenvolvemento Sostible realizou un investimento de 4.692 euros no Parque de Amalia Álvarez, onde ademais das podas de especies variadas, entre as que se inclúen camelias, ficus, melias, tilos, acer e aligustres, Repoboacións e Desbroces do Noroeste efectuou traballos de reposición de árbores.

O departamento que dirixe Puentes tamén destinou unha achega de máis de 1.000 euros ao desbroce, poda de árbores e tala de palmeiras nas zonas verdes de Pontevedra Leste, o barrio da Parda e o contorno da barriada e o Mercadona de Os Salgueiriños. 

“Todas estas obras -sinala o edil do PSOE- realizáronse co maior dos coidados, tendo en conta o atraso provocado nos mesmos pola pandemia e, no caso das árbores nos que se detectou a presenza de niños de paxaros, deixáronse pendentes, evitando así causar molestias na incubación e crianza dos polos”.

Tralo parón motivado pola Covid-19 e logo dunha primeira quenda de segas, limpezas e acondicionamentos urxentes, o Servizo de Parques e Xardíns, que coordina Manuel Fontán, puxo en marcha unha segunda etapa de posta a punto de zonas verdes, parques, rotondas e xardineiras en tódolos barrios da cidade. Os traballos inclúen o tallado de arbustos, a colocación de novas plantas e a creación de pequenos axardinamentos.

Entre as zonas nas que se actuou encóntranse as xardineiras do noiro da avenida de Montero Ríos, dunha lonxitude superior aos 200 metros e na que se incorporou planta de flor (arctotis híbrida), ademais de repoñerse planta e realizarse unha posta a punto do rego e da totalidade do xardín. Unha partida de 4.834 euros permitiu á empresa Troquiña SL levar a cabo obras de axardinamento na Praza de España. Do mesmo xeito, as diferentes rotondas e ‘illetas’ da cidade estanse acondicionando coa incorporación de flores de tempada.

Segundo subliña Iván Puentes, os traballos contemplaron “dende os espazo de maiores dimensións, como as ribeiras do río Lérez e o parque do Mirador de Monte Porreiro, ata pequenos parques da Parda, O Burgo ou a zona monumental. “Os espazos ao aire libre, e nomeadamente as zonas verdes, prazas e arboredo da cidade, xogan un papel esencial nestes intres de recuperación da normalidade, e por este motivo estamos a impulsar unha batería de medidas dirixidas a acadar a excelencia neste verde urbano que temos a fortuna de posuír”, asegurou Puentes.

Renovación dos bancos, a varanda e o parque infantil de Mollabao

Ademais de realizar actuacións de acondicionamento de xardíns, árbores e elementos en mal estado nos parques infantís da Cidade de Pedra e San Roque (na desembocadura do río dos Gafos), a Concellería de Desenvolvemento Sostible renovou o valado e os xogos do parque para nenos de Mollabao. Esta última intervención forma parte do proxecto de recuperación do contorno do regato da Fontesanta, no que se investiron 34.000 euros e que incluíu a restauración de 15 bancos de madeira e a varanda que protexe o perímetro do afluente e a construción dun muro de pedra de 50 metros lineais en paralelo ao mesmo.