O Concello habilita dous novos aparcadoiros de bordo en Valdecorvos e na Parda

522
  • Prevese que entre ambos poidan acoller entre 300 e 400 vehículos e que estean operativos no último trimestre deste ano 
  • A vindeira semana comezarán os traballos de limpeza das parcelas e realizaranse os proxectos para determinar a ubicación das entradas  e o volume de vehículos que acollerá cada unha

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, anunciou está mañá que Pontevedra incrementará o volume de prazas de aparcadoiro no bordo da cidade co acondicionamento de dúas novas parcelas de titularidade municipal, situadas en Valdecorvos e na Parda. Trátase, no caso de Valdecorvos, dunha parcela situada entre a rúa das Fragas e a rúa Prado Novo, e na Parda da parcela situada detrás da estación do tren, que abranque deste a rúa Otero Pedrayo e ata a rúa Tomás y Valiente. 

Deste xeito, dáse solución segundo indicou Demetrio Gómez “a unha eiva que afecta á zona leste e sueste da cidade, que ten menos prazas de aparcadoiro de bordo que as que temos nas zonas norte e na oeste”. O concelleiro situou a solución desta eiva no incremento das aproximadamente 2.100 prazas de aparcadoiro existentes ata as 2.500 que se conseguirán ao sumar estas dúas parcelas e puxo en valor que “Pontevedra a día de hoxe conta coa mellor rede de aparcadoiros de bordo que existe en toda Galiza e en todo o Estado”. Neste sentido, asegurou que “é a mellor rede tanto polo número de aparcadoiros que existen como polo seu carácter de rede, e que ademais se integra co modelo de mobilidade que ten Pontevedra e pola que acaba de ser premiada na Unión Europea”.

Segundo a previsión apuntada por Demetrio Gómez estas dúas novas parcelas, que incorporarán entre 300 e 400 prazas entre ambas, estarán operativas no último trimestre do ano. Explicou que xa se realizaron os primeiros estudos previos, tanto a nivel urbanístico como técnico, que indican que as parcelas poden ser utilizadas para este fin e que a vindeira semana xa se dará paso aos estudos de campo. Isto implica que se comezará coa limpeza das parcelas e se estudarán en profundidade cuestións como o volume de vehículos que pode acoller cada unha ou a ubicación das entradas e o proxecto que precisan. En canto aos accesos, adiantou que, en principio, se procurará que a pardela da Parda teña a entrada de vehículos pola rúa Otero Pedrayo e que dispoña dunha conexión peonil coa rúa Tomás y Valiente.

COMPARTIR