Pontevedra terá festas este verán con actuacións simultáneas por toda a cidade e nos barrios

861
  • A concelleira de Festas e Dinamización Sociocultural anunciou que este formato compatibilizará a seguridade co lecer e a inxección de recursos no sector cultural pontevedrés
  • Habilitaranse máis de 10 escenarios en Monte Porreiro, O Burgo, Barcelos, San Antoniño, Campolongo, Eduardo Pondal, Gafos, Alameda, praza de España ou Ferreiría

A concelleira de Festas e Dinamización Sociocultural, Carme da Silva confirmou esta mañá que “en Pontevedra vai haber festas de verán, sen ningunha dúbida”. “Teremos unha programación coherente con evitar grandes aglomeracións” matizou Da Silva, quen anunciou que a principal novidade se centrará en habilitar un gran número de escenarios en espazos públicos con actuacións simultáneas por toda a cidade e polos barrios. 

A concelleira explicou que nun contexto no que moitas cidades que teñen as festas grandes en agosto, como é o caso de Bilbao, ou en setembro como Valladolid, as están suspendendo, en Pontevedra “nós pensamos que unha cousa é que non se poidan celebrar no formato habitual e e outra cousa é que non haxa festas”. Neste sentido, insistiu en que se “antes se medía o éxito dunha programación polas miles de persoas que era capaz de congregar nun espazo, e este ano fixemos un esforzo enorme para reprogramalo todo para que o éxito se mida pola variedade de cousas que hai simultáneamente para evitar precisamente as grandes aglomeracións”. Para isto, desde o Concello estudouse o aforo e as distancias en todos os espazos públicos da cidade e dos barrios para habilitar máis de dez escenarios en lugares como Monte Porreiro, O Burgo, Barcelos, San Antoniño, Campolongo, Eduardo Pondal, no Gafos ou en puntos do centro histórico como a Alameda, a praza de España ou a praza da Ferreiría.

Carme da Silva asegurou que neste momento se está traballando coa hipótese de que os espectáculos estarán regulados polas condicións de seguridade da Fase 3 da desescalada, ou polas condicións da Fase 3 relaxadas. Tamén anunciou que a programación de verán comezará a principios de xullo e incluirá opcións para todo tipo de públicos e con variedade de estilos e disciplinas como teatro, música, audiovisual ou maxia. A programación definitiva farase pública en aproximadamente dúas semanas, ao tempo que se traballa na Feira Franca para setembro e para recuperar o Surfing the Lérez nun novo formato este ano.

Dinamización da economía local

Carme da Silva tamén sinalou que este novo formato “supón un esforzo económico moi importante” por canto implica montar máis escenarios e adoptar medidas hixiénicas e de control de aforo, pero que “o importante é que son recursos que se inxectan directamente na economía local, porque estamos falando que van ser unhas festas nas que a inmensa maioría dos grupos sexan de Pontevedra, da contorna ou galegos, e nas que todas as empresas que van traballar en creatividade, montaxe ou produción son todas da zona”. Neste sentido, fixo fincapé en que “o esforzo por readaptar a programación dentro deste marco vai supoñer unha inxección de recursos para estas empresas importante”, o que sumou á “dinamización do comercio e da hostelaría” que supoñen as festas.

“Veremos que se poden facer unhas festas potentísimas co sector cultural pontevedrés e galego” asegurou xa que “todas as actividades, grupos e actuacións serán pontevedresas e do país por cuestións de seguridade e para evitar dificultades de mobilidade e transporte, e tamén porque é a nosa obriga como Administración pública potenciar o noso sector cultural  que o está pasando francamente mal”.

Por último, a concelleira quixo agradecer o enorme esforzo do servizo municipal de Festas e de todo o sector cultural de Pontevedra “no traballo e na colaboración que tiveron co Concello para reprogramar absolutamente todo”. Lembrou que a programación do verán se pecha con moitísima antelación e que en marzo, antes de decretarse o estado de alarma, xa estaban practicamente todas as actividades pechadas e que houbo que cambiar todo ante a nova situación. 

COMPARTIR