O Concello destina preto de 1,5 millóns de euros a actuacións relacionadas coa Covid-19

99
  • Accións como o Plan de continxencia para comedores escolares e familias en risco de exclusión, albergues para persoas sen teito, desinfección de vehículos, adaptación de postos de traballo, programas de promoción económica, EPI’s ou equipamentos para teletraballo ascenden a 909.411 euros
  • A remodelación da planta baixa e do segundo andar das dependencias municipais de Michelena 30 ascende a 528.619 euros

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, informou esta mañá que o Concello leva destinados preto de 1,5 millóns de euros en actuacións relacionadas coa Covid-19 e destinadas tanto a prever os contaxios e garantir a seguridade de traballadores e cidadanía como a atender situacións específicas que xurdiron coa aparición da pandemia.

Tras a sesión semanal da Xunta de Goberno local, Gulías explicou que destes 1,5 millóns de euros, 909.411 euros foron destinados a diversas actuacións realizadas ao longo destes dous meses e medio, e 528.619,98 euros serán destinados á remodelación da planta baixa e do segundo andar das dependencias municipais de Michelena 30.

Entre as actuacións realizadas desde que foi decretado o estado de alarma poden citarse as relacionadas con dar solución e atender todas as demandas xurdidas desde a área de Benestar Social, tales como o Plan de continxencia para comedores escolares e familias en situación de risco de exclusión social,  así como a posta en marcha e mantemento dos albergues para persoas sen teito. Tamén se inclúen neste apartado a desinfección de vehículos municipais, a adaptación de postos de traballo para o persoal municipal, instalación de mamparas en todas as dependencias, os equipamentos informáticos para  videoconferencias e teletraballo, a adquisición de EPI’s, a contratación do sistema de cita previa, accións de promoción económica ou o traslado das oficinas que prestaban servizo en Michelena 30. 

En canto á remodelación da planta baixa e do segundo andar das dependencias municipais de Michelena 30, Anabel Gulías indicou que os 528.619,98 euros desta actuación se financiarán a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra. A planta baixa reformularase para acoller o Rexistro e o Padrón cunha nova distribución e accesos independentes para público e traballadores e traballadoras; mentres que no segundo andar se reformulará a área destinada a Intervención, para garantir a seguridade do persoal, e na zona que ata o de agora ocupa o Servizo de Xestión Tributaria -que se trasladará ao edificio de Ferreiros- habilitarase unha sala de reunións con capacidade para acoller presencialmente, e cumprindo coas distancias e medidas de seguridade, tanto Mesas de Contratación como Comisións e Xuntas de Goberno.

Na Xunta de Goberno desta mañá foron aprobados catro decretos do alcalde por emerxencia relacionados coa prevención da Covid-10. Así, aprobouse a adquisición de mascarillas por un importe de 13.503,60 euros; a adquisición de equipos de protección individual por 12.303,77 euros; o subministro de alimentos para situación de primeira necesidade por 40.000 euros; e un novo reforzo do servizo de limpeza e desinfección por 10.988,01 euros.