Sete empresas presentan oferta para crear o núcleo de centralidade parroquial de Tomeza

9
  • A Mesa de Contratación do Concello reunirase o martes para valorar as propostas presentadas.
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reunirase este martes para valorar as ofertas presentadas para a conformación do núcleo de centralidade parroquial de Tomeza, coa mellora de distintas infraestruturas. O proxecto está valorado en 588.747,29 euros e ten un prazo de execución 5 meses. Esta obra está incluída dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral “Máis modelo Pontevedra”, que está financiada cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

As empresas que se presentaron a esta licitación son:

  • Caldevergazo
  • Fechi
  • Oresa
  • Naron
  • Prace
  • Covsa
  • Elsamex

Este proxecto está formado por dúas actuacións distintas en dous ámbitos distintos da parroquia: Casal do Río e Lusquiños. En Casal do Río está previsto mellorar o parque e as instalacións deportivas reformando o peche perimetral, ordenando as pistas deportivas e instalando mobiliario deportivo: porterías, canastras… Tamén está contemplado reformar a zona de recreo (instalación de espazos de merendeiro e acondicionamento da parcela arborada), diferenciar visualmente a estrada e sinalizar o estacionamento e parada do autobús.
Na contorna do Local social de Lusquiños tamén se mellorará o peche perimetral, paviméntase o acceso con usos diferenciados: haberá un acceso peonil ao centro cultural, e unha segunda entrada de pedra do país no que poderán estacionar vehículos; aproveitarase un desnivel do terreo para crear un banco corrido, que estará conectado coa parte baixa da parcela cunhas escaleiras e unha rampla. Tamén se mellorará a parte baixa da parcela con xabre consolidado onde se instalará unha churrasquería, mellorarase o espazo infantil e toda a accesibilidade da parcela. 

O proxecto de mellora das infraestruturas de Tomeza era moito máis ambicioso. Tiña un orzamento próximo ao millón de euros e incluía unha actuación en catro ámbitos distintos da parroquia. Ademais dos xa mencionados, estaba prevista as melloras das contornas de San Pedro e de San Cibrán, pero estas dúas intervencións recibiron o informe en contra da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que obriga a unha intervención arqueolóxica de maior envergadura. 

Ante esta situación e dado que a obra se financia con fondos europeos que precisan dunha xustificación temporal moi axustada, o Concello acordou sacar estas dúas actuacións do proxecto de financiamento europeo e destinar as contías sobrantes a executar o núcleo de centralidade de Marcón cun custe duns 500.000 euros, aproximadamente. 

Ao tempo, o Concello non renuncia a actuar nestes dous ámbitos (San Pedro e San Cibrán) pero xa sería con fondos propios e atendendo aos tempos que requiren as esixencias da Xunta. 

COMPARTIR