Comeza o desbroce nas parcelas que acollerán os dous novos aparcadoiros de bordo

87
  • Esta semana estanse realizando as rozas na parcela da Parda e durante a vindeira realizanse na de Valdecorvos
  • De seguido realizaranse os proxectos para determinar a ubicación das entradas  e o volume de vehículos que acollerá cada unha

Este luns comezaron os traballos de desbroce na parcela da Parda na que se ubicará un dos novos aparcadoiros de bordo da cidade. Os traballos manteranse durante toda a semana e na vindeira continuarán pola parcela de Valdecorvos. Tras a finalización destas tarefas de limpeza, que se prevé que non se alonguen máis destas dúas semanas, darase paso aos estudos en profundidade destinados a definir cuestións como o volume exacto de vehículos que poderá acoller cada un dos aparcadoiros e a ubicación das entradas de vehículos e dos accesos peonís.

Deste xeito iníciase o acondicionamento destas dúas parcelas, ambas de titularidade municipal, situadas entre a rúa das Fragas e a rúa Prado Novo, en Valdecorvos, e por detrás da estación do tren, desde a rúa Otero Pedrayo e ata a rúa Tomás y Valiente, na Parda. A incorporación destes novos espazos á rede de aparcadoiros de bordo permitirá ampliar o número de prazas de aparcadoiro en máis de 300. A previsión é que estes novos aparcadoiros estén habilitados no último trimestre do ano e darán solución á necesidade de dispoñer de máis espazos de estacionamento que se detectaba na zona leste e sueste da cidade.