A xardinería ‘cero emisións’ chega a Pontevedra coa adquisición dun lote de maquinaria sostible para a conservación dos espazos verdes

5
  • Entre os aparellos adquiridos inclúense dúas desbrozadoras, un cortacéspede, un soprador de follas, un cortasetos e unha motoserra, así como diversas baterías e outros complementos
  • Iván Puentes asegura que a maquinaria “conxuga transición ecolóxica, saúde laboral e intelixencia artificial, ao ser compatible con APP de xeolocalización e planificación do mantemento de zonas verdes”

A xardinería ‘cero emisións’ xa é unha realidade en Pontevedra. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, presentou hoxe na Praza de España, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o novo lote de maquinaria ecolóxica da marca xermana Stihl, adquirido á empresa Novo Rumbo SL para o Servizo Municipal de Parques e Xardíns e no que o seu departamento investiu máis de 6.000 euros e que inclúe un cortacéspede, dúas desbrozadoras, un soprador de follas, un cortasetos e unha motoserra, así como diversas baterías e outros complementos (bolsas para cinto, cargadores…).

O edil do PSOE, que estivo acompañado polo xefe do Servizo, Manuel Fontán, e polo delegado de Stihl en Galicia, Javier Sánchez, así como por traballadores de Novo Rumbo, explicou que “esta renovación de maquinaria se enmarca dentro dos obxectivos de transición ecolóxica pautados pola Axenda 2030, no ámbito dos traballos de conservación dos espazos verdes do concello”. Segundo precisou, trátase de aparellos que empregan baterías eléctricas e que suporán unha mellora moi substancial a nivel de saúde laboral, “ao eliminar a inhalación dos gases tóxicos que emiten as máquinas de combustión e que poden resultar prexudiciais para os operarios que as manipulan”.

“Son moito máis lixeiras -sinalou Puentes-, o que reducirá o desgaste físico dos traballadores das brigadas, e tamén moi silenciosas, ao acadar uns parámetros de molestia acústica notablemente inferiores aos doutras máquinas. De feito, os operarios de Parques e Xardíns xa non precisan de cascos de protección auditiva”.

A novas máquinas entran ademais de cheo no mundo da intelixencia artificial, ao seren compatibles con aplicacións para telefonía móbil, tablets ou smartphones (están dotadas de smart connectors) que permiten controlar o consumo e rendemento, empregar programas para planificar a conservación e mantemento de zonas verdes e controlar a ubicación dos aparellos en todo momento mediante sistemas de xeolocalización. Tal e como apuntou Iván Puentes, “as primeiras versións deste tipo de maquinaria eléctrica non acadaban a potencia desexada, pero as adquiridas neste lote son perfectamente equiparables ás de combustión e permiten desenvolver todo tipo de labores de desbroce, limpeza e corte e céspede e setos”.

A redución da pegada de carbono, eixo do novo contrato

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible afirmou que “esta filosofía de transición ecolóxica e redución da pegada de carbono vaise trasladar ao novo concurso de Parques e Xardíns, cun contrato que aposte por proxectos sostibles e pola utilización de maquinaria e de vehículos  de ‘emisións cero’”. “Esta tendencia vaise seguir en tódalas áreas da Concellería, completando chanzos para facer realidade os obxectivos da Axenda 2030”, subliñou o socialista.

Pola súa banda, o delegado de Stihl en Galicia fixo fincapé na enorme mellora que as máquinas supoñen para coidar da saúde dos seus usuarios, ao eliminar as “emisións de axentes en moitos casos canceríxenos” e as lesións e problemas musculares e traumatolóxicos que se producen nos acendidos dos motores. “Ao quitar a motorización, non hai que facer arranques nin dar tiróns. Os pesos son moi inferiores, evitando que a persoa estea constantemente coa carga enriba. Asemade, a manipulación é independente dos combustibles e as recargas de batería supoñen un tercio de consumo dun motor de combustible, o que significa un aforro considerable”, apuntou Javier Sánchez.

Aínda que a autonomía destas baterías modulares depende da potencia das máquinas, o representante da empresa alemá constatou que as mesmas (que son compatibles con tódolos aparellos e que se recargan de xeito semellante a un teléfono móbil) “poden dar para 6 ou 7 horas de traballo cunha desbrozadora ou un cortasetos”.