Aprobada a instalación de veladores na rúa Serra e a reordenación en Virxe do Camiño e Dona Tareixa

41
  • Na rúa Serra está vencellada á xestión dos usos comúns do Gastroespazo do Mercado de Abastos. Poderá entrar en vigor dende hoxe mesmo.
  • Tamén se reordena Virxe do Camiño, José Casal e Pardo de Cela, así como a rúa Dona Tareixa para evitar aglomeracións.

O Concello de Pontevedra aprobou onte, nunha Xunta de Goberno Local extraordinaria, o deseño da situación dos veladores nas rúas Serra, Virxe do Camiño, José Casal, Mariscal Pardo de Cela e Dona Tareixa a proposta da Concellaría responsable de ocupación do espazo público que xestiona a edil Eva Vilaverde.

Esta aprobación permitirá empezar a instalar, dende hoxe mesmo, veladores na rúa Serra, vencellados ao gastroespazo do Mercado Municipal de Abastos, así como reordenar os veladores da reforma urbana realiza na rúa Virxe do Camiño e nas rúas da contorna (José Casal e Pardo de Cela).

Nesta aprobación de veladores, tamén se incluíu a rúa Dona Tareixa (no ámbito do Teatro Principal), onde tamén se fai unha proposta de ocupación de espazo público para os establecementos hostaleiros do lugar.

No que respecta ao Mercado de Abastos, a Concellaría pon a disposición do Gastroespazo, o espazo público da rúa Serra para compensar o peche e posterior reducción de aforos no interior con motivo da aplicación do Estado de Alarma. Polo tanto, adóptanse as mesmas medidas de colaboración e apoio ao sector coa flexibilización e ampliación de criterios, e autorízase a instalación de veladores na rúa Serra, no frontal do Mercado de Abastos, a ambos lados dos arcos de entrada.

Ao respecto da rúa Virxe do Camiño, José Casal e Pardo de Cela, a Concellaría que dirixe Eva Vilaverde aproveita o redeseño da rúa para reordenar os espazos e acorda que serán os servizos técnicos municipais os encargados de autorizar a instalación de veladores neste ámbito entre os establecementos que o soliciten expresamente e seguindo a proporcionalidade da fachada. Tendo en conta, tamén, que poderán ser reasignados en función da apertura de novos establecementos que tamén soliciten velador.

Finalmente, a resolución tamén afecta á rúa Dona Tareixa co propósito de reorganizar a situación actual dos veladores para evitar saturacións e conflitos entre os establecementos.

Eva Vilaverde, concelleira de Ocupación do espazo público.