“Grazas chef!”

3
  • Despois de máis de dous meses poñendo o seus fogóns Estrella Michelin a disposición dos máis vulnerables, o cociñeiro Pepe Solla realizou hoxe o seu último servizo ao comedor de San Francisco 

Ensalada de pasta con atún, verduras e ovo, croissants e roscas conformaron o menú do último servizo prestado polo chef Pepe Solla no comedor social de San Francisco para botar unha man aos máis vulnerables durante a crise sanitaria da Covid-19. Despois de amosar a sinxeleza e solidariedade que o caracterizan durante máis de dous meses, poñendo o seu equipo e os seus fogóns Estrella Michelin a disposición de ata 200 persoas diarias tres días á semana (luns, mércores e venres) o cociñeiro pontevedrés debe enfocarse agora na inminente reapertura dos seus restaurantes.

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, quixo aproveitar a ocasión para achegarse ata ao comedor de San Francisco e, xunto co seu responsable, o Pai Gonzalo Diéguez, “pechar esta etapa” e agradecerlle a Solla que puxese os seus talentos culinarios ao servizo daqueles que máis o precisaban durante esta pandemia. “Botou unha gran man -sinalou a edil do PSOE-, desenvolvendo un labor fundamental, colaborando tres veces á semana, tanto co seu traballo como cos produtos de primeira calidade dos seus provedores. Non queda máis que dicirlle: Grazas chef!”.

A súa marcha coincide cun momento no que o comedor recupera pouco a pouco as cifras de comensais habituais anteriores á pandemia, situándose nestes intres entre os 150 e os 160 usuarios. Non obstante, a colaboración deste xenio dos fogóns permitiu que, mesmo cando se acadou o pico de 200 persoas, o comedor cubrise practicamente tódolos días da semana con menús diversificados e equilibrados, nos que se incluían carne, peixe, verduras, hidratos de carbono…

Pepe Solla calificou o seu labor como “moi gratificante e moi triste ao mesmo tempo”, con sensacións “opostas”, xa que “foi bonito poder axudar”, pero tamén resultaba triste ver como se ía incrementando a xente que non tiña para comer”. O chef porá en marcha o seu novo restaurante La Radio en Santiago o día 17 de xuño, mentres que Casa Solla reabrirá as súas portas ao público en Poio o día 24. “A vindeira semana xa estaremos a facer probas de menús e de pratos novos”, avanzou.

O Pai Gonzalo Diéguez aproveitou a ocasión para agradecerlle non só a Solla a súa encomiable axuda, senón tamén á Concellería de Benestar Social, “que sempre se portou estupendamente con nós, dándonos todo aquelo que precisamos”. O responsable do comedor de San Francisco tivo unhas palabras para salientar o importante traballo dos voluntarios de Protección Civil, que colaboraron co reparto da comida nuns intres nos que os seus voluntarios habituais “non viñan porque loxicamente tiñan medo ao coronavirus”.

O comedor cumpre 32 anos o vindeiro día 13 de xuño

Gonzalo Diéguez indicou que, dado que aínda non saben cando poderán abrir de novo o comedor para que os usuarios poidan xantar dentro, continuarán a distribuír menús para levar. Tal e como lembrou, o vindeiro sábado 13 de xuño cumpriranse 32 anos da apertura do comedor de San Francisco, unha efeméride que coincide cunha etapa “distinta”, xa que “estabamos acostumados a dar de comer no interior, e dous pratos no lugar de un, con postre e café”. “Había ata tres quendas -precisou- e reuníanse unha media de 140 usuarios diarios. Tiñamos entre 15 e 20 voluntarios que viñan a miúdo para facer un reparto rápido da comida e limpar. Pero agora, con todo isto, ao tratarse de persoas maiores e xubiladas, pois teñen medo a contaxiarse”.