O Plan Impulsa de #PonteLovers selecciona a 15 pemes de diversos sectores que se beneficiarán das súas mentorías individuais personalizadas

12
  • A edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a coordinadora do proxecto, Mariem Filgueira, agardan que as sesións grupais tamén se poidan poñer en marcha a finais deste mes

O Plan Impulsa, promovido pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers, ven de seleccionar ás 15 pemes que se beneficiarán das mentorías individuais personalizadas impartidas polo equipo de expertos que coordina a sherpa empresarial Mariem Filgueira. A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, salienta a enorme demanda que espertou a iniciativa, xa que foron unhas 85 empresas e negocios (uns 80 establecidas no noso concello) as que presentaron a súa solicitude para participar destas titorías e seguimentos profesionais.

Segundo sinala a edil do PSOE, “as pemes beneficiarias pertencen aos máis diversos sectores: alimentación (2), téxtil (2), construción, clínica veterinaria, perruquería e beleza, axencia de viaxe, servizo de preimpresión e preparación de soportes, hostalería, calzado, óptica, pediatra, reparación de vehículos de motor e actividades de entretemento e lecer”. “Nove dos negocios -aclara Blanco, están situadas no casco urbano de Pontevedra e as demais en Mourente, Estribela, Campañó, Monte Porreiro, A Parda e Marcón”.

Entre os criterios de baremación que se tiveron en conta á hora de seleccionar ás 15 pemes inclúese a iniciativa e motivación persoal e empresarial; a implicación ou necesidade para acadar oportunidades no seu negocio; o nivel de experiencia empresarial; a flexibilidade, espírito colaborativo e intelixencia emocional; o sector (priorizando o agro, a industria, o comercio, a hostalería e o turismo); o nivel de emprego existente; o emprazamento en zona urbana ou rural (dándolle máis puntos á segunda), e a participación previa ou non neste tipo de iniciativas.

Tal e como avanza Mariem Filgueira, “as reunións para desenvolver estas mentorías personalizadas poranse en marcha ao longo das vindeiras semanas”. A coordinadora do Plan Impulsa prevé celebrar tamén a finais de xuño o primeiro dos encontros grupais deseñados no marco deste proxecto, “nos que, por suposto, tentaremos implicar a aquelas empresas que non foron seleccionadas para as mentorías e que quedaron en reserva”. “Estamos a valorar se a facemos presencial ou por medios telemáticos, o que dependerá obviamente das condicións sanitarias. As seguintes sesións grupais -avanza a sherpa empresarial- celebraranse previsiblemente nos meses de xullo, setembro e outubro”.