Pontevedra estende o seu Efecto PO2 a toda a cidade

9
  • A Concellaría de Promoción da Cidade que xestiona Anabel Gulías inicia unha campaña de comunicación e sensibilización tanto dentro do Concello como fóra, para resaltar o estilo de vida da cidade.
  • Inicialmente, colocarase cartelería, vídeos, accións de rúa baixo o lema -CO2 +PO2 e faladoiros con persoeiros sobre o futuro da cidade.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías presentaron esta mañá a campaña de marketing e comunicación Efecto PO2, coincidindo do Día mundial do Medio Ambiente. O Efecto PO2 é un estilo de vida e de respecto polo medio e a saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo, e que se pretende estender e concienciar en toda a cidade, e tamén fóra de Pontevedra a través dunha campaña de comunicación.

Con esta campaña a Concellaría quere destacar a importancia das accións individuais no éxito deste Efecto PO₂ e animar á cidadanía a manter os hábitos que durante estes anos fixeron do espazo público unha extensión do noso fogar.

Para iso producirase unha cartelería específica animando a manter hábitos concretos, que hoxe se ven reforzados pola situación sanitaria: dar 10.000 pasos; camiñar 1 hora; percorrer a cidade a 5 km/h… 

Esta cartelería está sendo colocada dende esta mesma tarde por todos os puntos da cidade.

Desenvolveranse accións de rúa nas que o lema –CO +PO Pontevedra espazo público san e seguro se escribirá en distintos espazos da cidade cunha tinta especial para facer visible que canto máis nos movamos coa nosa propia enerxía máis contribuímos a borrar a pegada do CO₂.

Elaboraranse tres micro vídeos onde se amosará que o espazo público é a extensión das casas dos pontevedreses e pontevedresas. Un espazo saudable e amable no que desenvolver a vida diaria nas mesmas condicións de seguridade que o ofrece o noso fogar, dándo visibilidade á máxima municipal que o espazo público é a estensión do fogar.

Faranse Faladoiros a dous metros, que son diálogos entre o alcalde e persoeiros destacados para repensar a cidade.

Na súa intervención o alcalde destacou que coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, e tendo sempre presente a recente pandemia da Covid-19, “é o momento de dar un paso máis é iniciar unha campaña de promoción da cidade para recordar que somos unha cidade segura, aproveitando as referencias estatais e internacionais”. Os obxectivos é que “sirva para seguir atraendo a xente á cidade tanto como turismo como para fixar poboación”.

O Efecto PO2

Desde hai 20 anos, Pontevedra vén aplicando un modelo que entende o espazo público como un ben común, un tesouro que implica non só devolvérllelo ás persoas senón que leva aparellado moitos outros elementos asociados como son a calidade do aire, a xestión dos residuos ou a aposta pola saúde pública.

20 anos avanzando nun modelo de futuro que no presente se fai máis necesario que nunca, coa necesidade de espazos amplos e seguros onde as persoas poidan desenvolver a súa vida con normalidade a pesar das restricións impostas pola alerta sanitaria. 

Desde moito antes de que a emerxencia climática chamase á porta como tal e, moito menos aínda, esta pandemia, en Pontevedra xa traballaba arredor de conceptos como a recuperación e democratización do espazo público, a redución de emisións; menos coches, máis cidade; peonalización e calmado do tráfico; a importancia de moverse coa nosa propia enerxía; a redución e a compostaxe dos residuos ou a xestión ecolóxica e racional da auga.

Todo isto é o Efecto PO₂, un efecto de vida e de respecto polo medio e a saúde das persoas que contrasta co efecto invernadoiro producido pola emisión á atmosfera de gases contaminantes.

Efecto PO₂ é sinónimo de saúde pública en múltiples aspectos e neste momento, e máis que nunca, coloca a Pontevedra á vangarda mundial das cidades cun espazo público cunha excelente calidade urbana que permite gozar da rúa dun xeito seguro sen ter que recorrer ás medidas excepcionais e, polo tanto, temporais que se están a aplicar noutras cidades. 

COMPARTIR