O Efecto PO2 chega a Suíza e Polonia

93
  • O presidente da localidade polaca de Jaworzno pide a Miguel Anxo Fernández Lores abrir vías de cooperación entre as dúas cidades. Jaworzno foi finalista con Pontevedra do Urban Road Safety Award da Unión Europea que gañou a cidade do lérez.
  • A revista da Federación de urbanistas suízos Collage e a revista de mobilidade peonil suíza recollen sendas reportaxes e entrevistas ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sobre a transformación da cidade como modelo a seguir en Europa.

En tempos de pandemia, o modelo de Pontevedra demostrouse como o mellor para que os veciños e veciñas das cidades se incorporen á vida cotiá e aos novos hábitos sociais despois do coronavirus. Durante estes tres meses, o Efecto PO2 seguiuse a estender polo mundo adiante. De feito, Pontevedra foi a gañadora do primeiro Urban Road Safety Award concedido pola Comisión Europea da Unión Europea o pasado 11 de maio.

Era finalista do premio xunto ás cidades de Ordu, en Turquía, e de Jaworzno, en Polonia. O presidente desta última cidade de máis de 90.000 habitantes, Pawel Silbert acaba de enviar unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores no que o felicita polo recente galardón europeo obtido e pídelle abrir unha vía de cooperación entre as dúas cidades.

Na súa misiva, Pawel Silbert recoñece que “nin sequera soñamos con recibir o primeiro premio, ao coñecer que Pontevedra se tiña presentado” e que “foi un honor” ter concorrido nesta primeira edición do galardón xunto á cidade do Lérez.

Asegura que Pontevedra é xusta “merecedora” do premio e confirma que “foi unha das cidades de Europa occidental cuxo exemplo seguimos cando buscamos a forma de crear a nosa cidade”; a través de imaxes e de visitas virtuais de Pontevedra, porque non se puideron achegar até Galiza, “queriamos ser un pouco como Pontevedra”.

O seu nomeamento tamén lles permite ser un exemplo para outras cidades polacas e solicita a Miguel Anxo Fernández Lores iniciar unha vía de cooperación unha vez que os camiños de ambas cidades se cruzaron co Urban Road Safety Award, para intercambiar ideas e crear cidades amigables.

Unha web para o premio Urban Road Safety Award

Para reforzar a presenza do premio na cidade, o Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha a entrada https://www.pontevedra.gal/premio-ue/ dentro da páxina web municipal pontevedra.gal na que recolle todos os pormenores do galardón: o nomeamento, a resolución do xurado, o anuncio do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a proposta presentada ao premio, as cidades finalistas e os seus logros, algunhas das referencias nos medios locais e tamén nos internacionais.

Esta campaña tamén se ve reforzada nos monolitos da cidade nos que unha das súas caras está reservada a dar a coñecer a concesión do premio, así como todos os galardóns que a cidade leva recollido dende o ano 2012, cando recibiu o premio Intermodes.

O Efecto PO2 na revista dos urbanistas suízos

Ademais do contacto coa cidade de Jaworzno, o Efecto PO2 chegou nestes meses de confinamento á Revista da Federación de urbanistas suízos Collage que no seu número 2 estuda a redución dos vehículos nas cidades europeas, e Pontevedra é exemplo cunha reportaxe e unha entrevista ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

Baixo o título Pontevedra: la ville d’abord – Un changement de paradigme , a revista recolle que a cidade procedeu en 20 anos a un verdadeiro cambio de paradigma, aplicando un concepto de calmado de tráfico en todo o territorio. Hoxe, gran parte dos habitantes de Pontevedra viven en zona peonís ou en rúas a 30 e a 20 km/h.

A referencia a Pontevedra tamén aparece na Revista de mobilidade peonil suíza Fussverkehr na que recolle a experiencia “fascinante e con carácter exemplar” de Pontevedra.

Escrita en alemán, a revista ofrece a Pontevedra a portada así como as dúas primeiras páxinas nas que tamén se recolle unha entrevista de Fernández Lores.